O BNG reclámalle ao Goberno local que corrixa a política errática de mobilidade
A Coruña, 18 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG reclámalle ao Goberno do Sr. Negreira que corrixa a súa política errática de mobilidade, dado que, día tras días, os coruñeses e coruñesas sofren a conxestión crónica do tráfico na cidade e na comarca. Onte mesmo, cando, paradoxalmente, se inicia a Semana da Mobilidade, A Coruña foi un caos, con colapsos repetidos na entrada e saída á cidade. "Non sabemos a que espera o Goberno local para admitir o seu erro coa implantación da vía prioritaria e para apostar, dunha vez, polo transporte público como medio prioritario", sinalan os nacionalistas.
Alude o BNG ao fracaso da vía propritaria estabelecida polo PP no centro da cidade, un sistema con fins recadatorios que só causou reiteradas multas a transportistas e que provocou o descenso do número de usuarios e usuarias do autobús. Máis de 255.000 persoas deixaron de empregar, desde o inicio do ano, o bus. Precisamente, a liña 4, que transcorría polo carril bus e vai desde Monte Alto até o Barrio das Flores, é unha das máis afectadas polo descenso de viaxeiros e viaxeiras, con 114.284 usuarios e usuarias menos. A liña 6, que tamén transcorría polo carril bus, e que percorre o traxecto entre Monte Alto e Nostián, quedou sen 93.000 usuarios e usuarias.
O BNG pide priorizar o transporte público sustentábel
Aos continuos atrasos dos autobuses, dos que xa advertiran os técnicos municipais nun informe que o Sr. Negreira mantivo oculto, súmaselle o alto prezo das tarifas, tamén do bonobús social (para persoas paradas, con discapacidade, pensionistas e estudantado), que foron incrementadas en cinco céntimos a principios de ano. E isto, malia os beneficios que obtén a Compañía de Tranvías por conta das subvencións outorgadas polo Concello (de 8 millóns no 2011, o que representa o 36% da cifra de negocios da empresa). "Con estas medidas, no canto de impulsar o transporte público colectivo por estrada, o Goberno do Sr. Negreira disuade a cidadanía de empregalo", salientan os nacionalistas.
O Grupo Municipal do BNG levou ao Pleno ordinario de setembro unha moción para crear unha comisión municipal de investigación das contas da Compañía de Tranvías (despois de que no 2011, grazas ás subvencións municipais, puidera repartir entre os seus socios e socias 2 millóns de euros en dividendos), para revisar a concesión a esta empresa (co fin de corrixir o sistema de cálculo de prezos e o sistema de outorgamento de subvencións á compañía e revisar á baixa o prezo do billete do autobús) e para mellorar os servizos de bus (co fin de que as liñas unan os barrios entre si, cos polígonos industriais e cos puntos estratéxicos da cidade) e renovar a frota. A moción, ao igual que as numerosas iniciativas presentadas ao longo deste mandato co mesmo fin, foi rexeitada polo PP.
Os nacionalistas insisten na potenciación do tren de proximidade e do transporte marítimo e na revisión da concesión da Compañía de Tranvías, para abaratar as tarifas e mellorar os servizos
O BNG advirte de que o Plan de Mobilidade, que lle custará á cidadanía medio millón de euros, debe reforzar os medios de transporte públicos a nivel metropolitano como o eixo central do sistema e debe contemplar, insiste, medios alternativos, como o tren de proximidade e o transporte marítimo, ademais do carril bici ou a marcha a pé. "Máxime en tempos de crise, o Goberno local debería contemplar o transporte público sustentábel, en clave de axilidade, comodidade e tarifas asequíbeis, como un servizo e un dereito da cidadanía, e non como un negocio", apuntan os nacionalistas.
Precisamente, o BNG está a desenvolver unha campaña centrada na defensa dos camiños de ferro, a través dunha recollida de sinaturas contra a privatización do sistema ferroviario e para a posta en funcionamento dun tren de proximidade entre A Coruña-Ferrol e as vilas da comarca. E é que pode aproveitarse o paso das vías polos polígonos industriais, polo Campus de Elviña e polo porto até o centro da cidade. Desde que o pasado venres se iniciara a campaña, os nacionalistas levan recollidas máis de medio milleiro de sinaturas.