#TodasAsCoruñas protagoniza os plenos
A Coruña, 06 de outubro de 2015.- O Grupo municipal do BNG segue a presentar iniciativas no Pleno que inciden en abordar e solucionar os problemas concretos da veciñanza. Así foi como neste último pleno celebrado onte, e após un ano de traballo onde se presentaron múltiples iniciativas xunto coas praceiras e praceiros de Santa Lucía, incluídas sendas mocións nas que reivindicabamos a rexeneración do mercado, se conseguiu cambiar os usos do solar, paso previo para poder realizar as obras para establecer servizos sanitarios na edificación. Isto garante a continuidade das praceiras e praceiros, ademais de poder habilitar nas instalacións, hoxe en día infrautilizadas, un servizo de atención sanitario para as máis de 7.000 veciñas e veciños do barrio. O seguinte paso, e xa recollido nas mocións antes mencionadas, será que a Consellaría de Sanidade habilite as partidas económicas necesarias nos orzamentos de 2016 para acometer as obras, investimento xa solicitado polos compañeiros Montse Prado e Francisco Jorquera no propio Parlamento de Galiza o 30 de xullo pasado.
Por fin vese a luz ao final do túnel de Santa Lucía ao aprobarse uns usos que garanten a continuidade das e dos praceiros
Así mesmo neste pleno foron aprobadas dúas das mocións que presentamos. Na primeira solicitabamos a condena do Pleno da brutal agresión sufrida o 30 de novembro de 2014 polos Riazor Blues e doutras peñas do Deportivo e que rematou coa morte Jimmy. No mesmo texto tamén se solicitaba que o Concello da Coruña esixa das instancias xudiciais un rápido esclarecemento dos feitos para que os responsábeis do asasinato sexan xulgados e condenados. Esta moción foi aprobada por unanimidade, e responde ao clamor popular do deportivismo e de todas e todos aqueles aos que nos gusta o fútbol e que nos tememos que os asasinos de Jimmy poden escapar impunes da barbarie que cometeron.
Unanimidade do Pleno en pedir #XustizaParaJimmy e condenando a brutal agresión sufrida polas e polos seareiros deportivistas e os Riazor Blues
Na segunda moción presentada pediamos impulsar o inicio dos trámites necesarios para a constitución dunha mancomunidade de municipios onde estea integrada a cidade da Coruña. Desde o BNG sempre consideramos que hai unha realidade social que se debe abordar desde a ambición política de querermos ver a realidade en que vivimos, traballamos ou nos relacionamos. O BNG defendeu, defende e defenderá sempre a creación dunha entidade onde se integre o Concello da Coruña con múltiples servizos e actuacións que poden ser competencia da área: a recollida selectiva de lixo e a reciclaxe, a xestión do ciclo da auga, o seu abastecemento e o seu saneamento, as actuacións coordinadas de planeamento urbanístico, etc. E neste sentido solicitamos estudar, xunto cos concellos que forman parte do Consorcio das Mariñas, a situación da planta de reciclaxe de Nostián para, se é preciso, promover o inicio de todos os trámites legais para a intervención do servizo e o seu posterior rescate.
O ingreso na Mancomunidade outro compromiso tomado a iniciativa do Grupo Municipal do BNG
Con respecto ás mocións, por último, tamén solicitabamos á Fundación Emalcsa a revisión do convenio e a anulación, por ser un gasto de cartos públicos excesivo, o desenvolso de 605.000 previstos para a celebración da fase final da Copa do Rei da ACB. Esta moción foi rexeitada polos demais grupos políticos con argumentos envoltos na marca España, a reversión do gasto (que calculaban en 20 millón de euros) ou mesmo que era unha actuación que por lealdade institucional non se debía revogar (sic). Desde o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, consideramos que para fomentar o deporte non é preciso gastar semellante cantidade de cartos públicos senón destinalo ao deporte base, aos clubs de base, de diferentes e variados deportes, algúns deles mesmo agora teñen serias dificultades mesmo para adestrar.
Amais das mocións aprobadas tamén preguntamos polos compromisos da Marea Atlántica que realizou na campaña electoral. Deste xeito, e a resposta das nosas iniciativas, e como continuación dunha pregunta escrita realizada no pleno de setembro, o Goberno municipal non se comprometeu taxantemente a conxelar a suba do prezo do billete do bus para o ano 2016. Neste sentido somos ambiciosos xa que o BNG pretende que se revise a actual concesión da Compañía de Tranvías, cuestión que levamos reclamando desde hai anos.
Tamén a resposta doutra das nosas iniciativas soubemos da aplicación do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá. A campaña iniciada polo Goberno da Marea Atlántica chamada A Porta Aberta non responde á necesidade real de reformar o ROPC, fillo da Lei das grandes cidades do goberno Aznar e da maioría excluínte de Fancisco Vázquez.
Tamén preguntamos por actuacións concretas nos barrios e no conxunto da cidade
Por último, rexistramos para este Pleno varias preguntas que serán respondidas por escrito antes do seguinte de novembro e relativas a problemas nos barrios. Estas son preocupacións que se nos achegan como os entullos de area e a pasarela na contorna de San Roque de Fóra, o envelenamento sistemático de árbores en zonas da cidade de Novo Mesoiro e Paseo de Rolda, actuacións urbanísticas na Agra, como o derribo do muro ao carón do depósito da auga do Ventorrillo ou o amaño dunha beirarrúa na rúa Vila de Negreira, ou, xa como actuacións xerais no conxunto da cidade, en materia de accesibilidade para persoas con diversidade funcional ou de a situación de cables en superficie en múltiples edificios da cidade, entre outras.