O BNG valora positivamente a rectificación a respecto de Santa Lucía
A Coruña, 01 de outubro de 2015.- O Grupo municipal do BNG considera positivo, logo da reunión da Comisión de Rexeneración Urbana, que finalmente se restrinxan os usos de continxencia inicialmente previstos no informe-proposta que presentaba o Goberno municipal.
O BNG valora positivamente que o Goberno municipal finalmente propoña restrinxir os usos de continxencia para protexer o mercado de Santa Lucía
Neste sentido, a proposta que se levará a Pleno, ademais de protexer e potenciar o uso de abastecemento, e de permitir un uso sanitario, co que se facilitaría a instalación dun centro de saúde do mercado, tamén incorpora a continxencia con outros usos dotacionais de equipamento público que poidan potenciar o propio uso de abastecemento (sociocultuarais, administrativos e de uso cidadán) en función do futuro proxecto construtivo e distribución do edificio.
A rectificación do Goberno municipal especifica que a cualificación de continxencia introduce outros usos dotacionais de equipamento público que poidan potenciar o propio uso de abastecemento (sociocultuarais, administrativos e de uso cidadán) en función do futuro proxecto construtivo e de distribución do edificio
Deste xeito, e tal e como viña defendendo o BNG, protéxense os postos das e dos praceiros que hoxe en día manteñen a actividade no mercado, potenciando as instalacións e garantindo a continuidade do seu funcionamento.
Na Comisión de Rexeneración Urbana, tal e como demandaba o Grupo Municipal do BNG, foi modificado o informe-proposta co obxectivo de protexer e potenciar o uso de abastecemento na parcela do mercado
A rectificación do Goberno da Marea coa incorporación do uso sanitario e de usos dotacionais de equipamento público, deste xeito, dinamizará o mercado no marco dun proxecto integral de renovación, revitalización e modernización, no mesmo sentido ao recollido na moción que o BNG presentou no pleno de setembro, e que foi aprobada polo voto unánime de todos os grupos. Unha moción que, desta volta, e como demandaban as nacionalistas, si aparece mencionada como antecedente que provoca a mudanza dos usos da parcela.