TENDO EN CONTA OS BENEFICIOS DA CONCESIONARIA
Subir o billete de bus 18,3% non ten ningunha xustificación
Jorquera lembra que os beneficios da Compañía de Tranvías na última década oscilaron entre os 2,8 e os 4,6 millóns de euros ao ano. Mesmo en 2019, exercicio en que se aplicou unha rebaixa na tarifa, a empresa obtivo ganancias por valor de 3,3 millóns de euros.
“É certo que a consecuencia da pandemia, a empresa fechou 2020 cunhas perdas de 2,74 millóns de euros, mais esta cantidade vaise ver máis que cuberta polos 5,44 que vai recibir do Estado en concepto de compensación polo impacto producido pola crise sanitaria”, subliña o voceiro nacionalista.
Cumpre lembrar que, a pesar de estar xestionado por unha empresa privada, estamos a falar dun servizo público e que, por tanto, debe ter en conta o interese social. Un incremento das tarifas do 18,3% afectaría especialmente a economía dos sectores máis vulnerábeis, ao tempo que desincentivaría o uso do transporte público. Contribuiría igualmente a un efecto inflacionista nun contexto en que, como é obvio, os salarios non aumentan ao ritmo en que o están a facer os prezos.
A empresa fechou 2020 cunhas perdas de 2,74 millóns de euros, mais esta cantidade vaise ver máis que cuberta polos 5,44 que vai recibir do Estado en concepto de compensación polo impacto producido pola crise sanitaria
Ante esta situación tórnase aínda máis urxente que o Goberno Local se ateña ao compromiso adquirido no seu día co BNG cando o PSdeG asinou o Acordo de Investidura de Inés Rey. Naquel acordo o Goberno Municipal comprometérase a mellorar o servizo do transporte urbano, atendendo ás seguintes necesidades: intensificación de frecuencias, ampliación do horario de servizo, modificación do mapa de liñas, implantación do carril bus e estudo dos modelos de xestión, incluída a xestión directa, do transporte público urbano.
Por tanto, o Goberno Local en ningún caso debe tomar en consideración a pretensión da Compañía de Tranvías de incrementar o prezo do billete de forma tan desproporcionada.