Non hai que rescatar só unha parcela da Maestranza: hainas que recuperar todas
O BNG remarca que eses terreos teñen orixe comunal e foron cedidos no seu momento ao naquela altura chamado Ministerio da Guerra. O Concello reclamou a súa devolución xa no século XIX, en concreto en 1840 e 1858.
No Pleno do pasado xoves 2 de decembro, o noso voceiro, Francisco Jorquera, instou o concelleiro de Urbanismo a que “utilice todas as ferramentas que ten na man, incluída a modificación do PERI da Maestranza, para que estes terreos sexan cualificados como uso dotacional público de espazos libres e zonas verdes”.
“A demanda veciñal é moi clara: as veciñas e os veciños opóñense á construción nesas parcelas porque tería un grande impacto sobre un espazo BIC –o sistema defensivo da cidade do medievo e o barroco- definido como tal no Catálogo Municipal de Edificios e Conxuntos do PEPRI da Cidade Vella e a Pescaría”, indica o portavoz nacionalista.
Salienta Jorquera que o acordo de investidura de Inés Rey como alcaldesa asinado por BNG e PSdeG contemplaba tamén a demanda de cesión ao Estado daqueles terreos ou instalacións militares que actualmente se achasen en desuso, cal é o caso dos soares da Maestranza.
Agora sabemos, por informacións xornalísticas, que Defensa nega a cesión da terceira parcela da Maestranza, pola que pediría 8,7 millóns de euros. Trátase dun terreo que todo apunta a que alberga restos moi valiosos da antiga muralla da cidade, razón de máis pola que non é de recibo que o Ministerio de Defensa queira facer caixa coa súa venda.
Ante a pretensión de Defensa, o Goberno Local anuncia a súa disposición a reformar o PERI da Maestranza para recalificar esa parcela como espazo libre. “Ese movemento parécenos correcto, mais insuficiente. Cumpre modificar o PERI en todo o ámbito desafectado por Defensa para os terreos se incorporaren ao patrimonio público de xeito gratuíto”, alega Jorquera.
O voceiro do BNG subliña que o recente ditame da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre o estudo de detalle da Maestranza era bastante concluínte ao respecto ao indicar que o PERI que rexe este ámbito se acha obsoleto por obedecer a criterios fixados hai case 20 anos e pola súa inadaptación á diversa normativa de protección do patrimonio que se foi promulgando ao longo das últimas dúas décadas.
En función desa inadaptación, Jorquera pediulle ao concelleiro delegado de Urbanismo que impulse a reforma do PERI para, de acordo tamén coa demanda veciñal, “estes terreos seren cualificados como usos dotacionais públicos de espazo libre e zonas verdes”.