A suba do investimento nos orzamentos vén propiciada polo capricho de Negreira na Mariña
A Coruña, 5 novembro de 2014- A falta de coñecer o proxecto de orzamentos municipais para 2015, ano electoral, o BNG sinala que a suba do investimento para o 2015, que hoxe anunciou o Alcalde, vén propiciado polo capricho do Goberno de Negreira nas obras da Mariña cuxo dispendio para o próximo ano será de máis de 10,5 millóns de euros. Por tanto, lonxe de ser o emprego, os servizos sociais e os barrios os principais eixos dos orzamentos de 2015, a prioridade do investimento do Goberno municipal é o capricho das obras da Mariña.
Segundo a información dada a coñecer polo Goberno municipal aos medios de comunicación, os capítulos 6 e 7, de investimentos, contarán con 50,22 millóns de euros. Deste xeito, a obra opulenta e innecesaria da Mariña chucharía o 21% do investimento dos orzamentos de 2015.
As nacionalistas consideran que o acrecentamento de 12,37 millóns para investimento nos orzamentos de 2015 respecto dos orzamentos do ano actual (en 2014 o orzamento total dos capítulos 6 e 7 sumaban unha cantidade total de 37,85 millóns), non representa un incremento no investimento en emprego, servizos sociais e barrios, senón que vén motivado exclusivamente a que o Goberno do Partido Popular está obrigado a pagar o dispendio de máis de 10,5 millóns de euros no capricho da Mariña durante o ano 2015, tal e como advertiu o interventor nun informe de marzo de 2014.
O BNG exixe que os grupos da Corporación e a veciñanza teñan acceso aos orzamentos municipais de 2015
Vendo que a intención do Goberno do Sr. Negreira é, máis unha vez, presentar os orzamentos municipais de 2015 por fascículos e só ante a prensa, contando o que lle interesa e agochando o que non lle interesa, as nacionalistas exixen que os grupos de Corporación e a veciñanza teñan acceso ao proxecto de orzamento canto antes para o poder analizar.