O Sr. Negreira dálle a licenza a SGL Carbón para actuar en terreos que foron ocupados ilegalmente
A Coruña, 28 de decembro de 2012.- Na Xunta de Goberno Local desta mañá acordouse conceder licenza de obra a SGL Carbón para a construción, entre outras cousas, dunha torre destinada a taller de crus en terreos parte dos cales foron ocupados ilegalmente pola empresa, ao abeiro do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións aprobado no Pleno de 3 de decembro de 2012, coa abstención do Grupo Municipal do BNG.
Segundo unha sentenza da Audiencia Nacional de 2 de febreiro de 2011, que se achega, a empresa SGL ocupa ilegalmente terreos de dominio público pertencentes ao colindante antigo cuartel de automóbiles da Agrela. A superficie ilegalmente ocupada pola empresa (concretamente 979,30 m2 de superficie) formaría parte da parcela afectada polo Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións antes citado, que debería ser revisado de oficio ao ficar constatada esta ocupación.
Os nacionalistas lembran ao respecto que no Plan Especial aprobado no pasado Pleno a empresa SGL declaraba ser propietaria da totalidade da parcela catastral que ocupa en Agrela, cunha superficie total de 76.450 m2, mais de acordo coa sentenza da Audiencia Nacional (confirmatoria dunha resolución do Ministerio de Defensa do 2008) SGL ocupa ilegalmente unha franxa de terreo colindante co antigo cuartel; franxa onde se localizan instalacións da factoría (tal e como consta no propio plano obrante en dito Plan; ver plano).
O Grupo Municipal do BNG precisa ao respecto que na documentación do Plan Especial se omitía calquera referencia á reclamación de propiedade do Ministerio de Defensa, malia que SGL xa coñecía perfectamente que desde o 19/06/2008 a empresa está obrigada a desaloxar os 979,30 m2 que ocupa ilegalmente.
Cuestións todas estas que non figuran no informe-proposta de data 26 de decembro de 2012 sobre o que se adopta o acordo da Xunta de Goberno Local de hoxe.
Por último, o BNG reitera de novo a exixencia de que o Concello inste a reversión da superficie de terreo cedida gratuitamente no seu momento ao Ministerio de Defensa, 50.325 m2 (os 2/3 do total do recinto militar), e que foi desafectada do uso militar no 2009.