O BNG chama a cidadanía a participar na concentración contra os desafiuzamentos
A Coruña, 28 de decembro de 2012.- O BNG da Coruña anima a cidadanía a participar na concentración convocada polas plataformas Stop Desafiuzamentos e a CIG contra esta lacra que prexudica cada vez a máis xente. Só no partido xudicial da Coruña hai, cada día, tres novos casos de desafiuzamentos, segundo os últimos datos aos que tiveron acceso os nacionalistas. A mobilización, á que acudirán cargos institucionais e orgánicos do BNG, entre eles, do Grupo Municipal da Coruña, terá lugar esta tarde, ás 19.30 horas, diante da Subdelegación do Goberno.
Os nacionalistas esixen un cambio na lei hipotecaria que free este drama social e critican a inacción e o desinterese do PP. Precisamente, o Goberno do Sr. Negreira tombou na Coruña unha moción presentada polo BNG, e elaborada conxuntamente con Stop Desahucios e Arquitectos sen Fronteiras, con medidas contundentes, como a modificación da Lei Hipotecaria, con carácter retroactivo, e da Lei de Enxuizamento Civil.
Medidas para evitar o drama dos desafiuzamentos
Entre outras medidas, o BNG propón a dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda habitual, garantindo o aluguer social da vivenda; un réxime especial no caso da execución de préstamos cando se refire á vivenda habitual ou aos negocios comerciais; moratorias para deixar o pagamento das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando se produzan circunstancias económicas alleas a vontade das persoas como a perda de emprego ou o peche dun negocio; converter a hipoteca nun aluguer; estudar un procedemento concursal específico para permitir a paralización de certas execucións; modificar o réxime de taxación e aumentar a porcentaxe de adxudicación ao acredor, actualmente no 60 por cento do valor de taxación.
Os nacionalistas tamén apostan por habilitar un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos e evitar o desamparo das persoas e as familias que se atopan en situacións económicas extremas, así como crear unha Oficina de Asesoramento para Familias amenazadas polos desafiuzamentos e unha Bolsa de Vivenda Social, exixindo das entidades bancarias e de aforro que as vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte da mesma para o aluguer social ou venda a prezo taxado.