SEN NOTICIAS TAMPOUCO ANTE A DEMANDA DE INFORMACIÓN CURSADA POR MERCEDES QUEIXAS SOBRE OS FRESCOS DE URBANO LUGRÍS
Sistemática opacidade do Goberno Local ante as nosas peticións de documentación sobre as festas María Pita
Durante os dous últimos meses, a concelleira do BNG Mercedes Queixas ten cursado por escrito distintas peticións de información e documentación ao Goberno Local en relación a cuestións como o estado dos frescos de Urbano Lugrís na Rúa dos Olmos ou a asuntos relativos ás festas do verán.
O silencio, a falta de resposta por parte do Goberno Local, ten sido a norma, o que leva Mercedes Queixas a denunciar a “actitude obstrucionista” do Executivo presidido por Inés Rey.
“Temos que denunciar a opacidade e falta de transparencia por parte do Goberno Local, unha conduta que vulnera os nosos dereitos como concelleiras e torna moito máis difícil o correcto desenvolvemento do noso traballo como responsábeis do control e fiscalización do Goberno Local desde a oposición”, afirma a edil nacionalista.
“Por pórmos un exemplo, non se nos ten respondido á petición de acceso aos expedientes relativos ao estado dos frescos de Urbano Lugrís na rúa dos Olmos, que, como se sabe, presentan un estado moi delicado canto á súa conservación”, sinala Queixas.
Tampouco ten dado noticias o Goberno Local sobre a petición de información e documentación cursada polo BNG en relación “ao estado dos pregos do contrato de servizos e subministracións do IMCE ou ao expediente económico relativo á Feira do Libro ou ao Festival Noroeste”, remarca.
Si que houbo resposta afirmativa, se ben cunha moi considerábel demora no tempo, para o acceso aos planos de auto protección relativos aos festivais e eventos musicais deste verán. “Neste caso, o retraso no acceso á información é especialmente inaceptábel tendo en conta de que se trata dunha documentación que ten a ver coas medidas que se teñen adoptado para garantir a seguridade das persoas asistentes a estes espectáculos”, conclúe a concelleira.
Entre o momento en que se rexistra a petición de documentación e a resposta do Goberno Local (para a aceptación ou rexeitamento desa petición) existe un prazo de 5 días naturais. Se ese prazo se consumar sen resposta, estaríamos ante un silencio administrativo que ten o mesmo valor que un si a esa demanda de información. O problema é que despois non existen garantías de que efectivamente se produza o acceso á documentación, o que moitas veces lle xera indefensión aos grupos da oposición.