UNHA INICIATIVA DE MERCEDES QUEIXAS

No seu primeiro cabodano, o Concello debe organizar un recoñecemento á vida e á obra de Rogelio Groba

Rogelio Groba
Rogelio Groba
A concelleira do BNG Mercedes Queixas vaise dirixir ao Goberno Local no Pleno a se realizar o vindeiro xoves 5O para, a través dunha pregunta oral, lle pedir que, con motivo do seu primeiro cabodano, organice un recoñecemento, absolutamente merecido, á obra e á vida de Rogelio Groba (Ponteareas, 1930- A Coruña, 2022), figura sen a cal é imposíbel historiar e entender a música culta galega do último sécul
No seu primeiro cabodano, o Concello debe organizar un recoñecemento á vida e á obra de Rogelio Groba

A concelleira do BNG Mercedes Queixas vaise dirixir ao Goberno Local no Pleno a se realizar o vindeiro xoves 5O para, a través dunha pregunta oral, lle pedir que, con motivo do seu primeiro cabodano, organice un recoñecemento, absolutamente merecido, á obra e á vida de Rogelio Groba (Ponteareas, 1930- A Coruña, 2022), figura sen a cal é imposíbel historiar e entender a música culta galega do último século.

“O legado musical do prolífico compositor (máis de 720 obras, unha parte delas aínda inédita), director, investigador, profesor e intelectual galego ao longo do século XX e comezos do XXI, converten Rogelio Groba Groba nun referente musical senlleiro, dentro e fóra da Galiza”, afirma Queixas.

A concelleira resalta que o Mestre Groba morou unha boa parte da súa vida na Coruña, “vivindo con intensidade e compromiso a música desde todas as súas facianas: compoñendo incansabelmente, dirixindo durante 23 anos a Banda Orquestra da Coruña,  fundando a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal, impartindo docencia de Contrapunto e Fuga, Harmonía e Composición no devandito Conservatorio, que tamén dirixiu durante 20 anos, para alén de ser parte, como fundador e compositor, asociado da Orquestra Sinfónica de Galicia”.

Avia Veira e Mercedes Queixas coa directiva da fundación Rogelio Groba
Avia Veira e Mercedes Queixas, coa directiva da Fundación Rogelio Groba, presidida por Rogelio Groba Otero

“No BNG”, engade, “orgullámonos dun veciño ilustre da Coruña, que honra o seu nome no conxunto da prestixiosa traxectoria de recoñecemento nacional e internacional do Mestre Groba”.

Groba merece sobradamente que se lle renda tributo e que se lle brinde unha “mostra de gratitude” polo seu compromiso “incansábel” coa creación musical culta galega, asentada “nas raíces populares” e tamén en diálogo permanente coas claves da música máis universal. A súa achega foi igualmente impagábel na apertura de camiños “para a formación de novos músicos e novos públicos”, conclúe Queixas.

 

 

 

No seu primeiro cabodano, o Concello debe organizar un recoñecemento á vida e á obra de Rogelio Groba