Por segunda vez, o BNG pedirá en Pleno a retirada do título de fillo predilecto a Méndez
A Coruña, 1 de febreiro de 2013.- Por segunda vez, o Grupo Municipal do BNG reclamará a través dunha moción a retirada do título de Fillo Predilecto ao ex director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez. As nacionalistas presentan unha nova iniciativa despois de que no Pleno ordinario de xullo de 2012 a maioría do Partido Popular impedira o debate da moción. En función do posicionamento do alcalde no Pleno ordinario de febreiro, que terá lugar este luns, o Grupo Municipal do BNG e a cidadanía saberán se o Goberno municipal está do lado das persoas afectadas pola fraude das preferentes ou se segue do lado de quen levou Caixa Galicia á ruína. E é que, precisamente, a Plataforma de Persoas Afectadas pola Fraude das Preferentes da Comarca da Coruña anunciou esta semana que solicita a retirada do título de Fillo Predilecto a Méndez.
O Grupo Municipal do BNG espera que sexa certo o suposto cambio de actitude do alcalde sobre a retirada dos honores ao ex director xeral de Caixa Galicia e, en consecuencia, espera que aprobe a súa moción. A retirada do título de fillo predilecto e a devolución íntegra dos aforros ás persoas afectadas pola fraude das preferentes é o que sempre demandou BNG e ao que sempre se opuxo o PP.
Os mesmos argumentos que hai agora son os mesmos que levaron o BNG a presentar en xullo de 2012 a moción que o Sr. Negreira cualificou de "accesoria"
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os mesmos argumentos que hai hoxe en día para retirarlle o título de Fillo Predilecto a Méndez son os mesmos que levaron as nacionalistas a presentar, en xullo de 2012, unha moción que o Sr. Negreira chegou a cualificar de "accesoria".
Tal e como esixía no seu día, o Grupo Municipal do BNG volverá reclamar o luns que se lle retire o título a Méndez porque hai suficiente información da xestión que José Luis Méndez tivo á fronte de Caixa Galicia e das súas consecuencias ruinosas. "Manter a Méndez como Fillo Predilecto da cidade non daría máis que unha mala imaxe da Coruña", advirten as nacionalistas na exposición de motivos.
Entre os abusos de Méndez á fronte de Caixa Galicia, o Grupo Municipal do BNG salienta o seu nepotismo (colocando os seus fillos nos máis altos postos directivos da Caixa de Aforros) ou o cobro de indemnizacións multimillonarias (como o Plan de Pensións ao seu favor) cando a entidade xa recibira inxentes axudas públicas e cando a sociedade xa estaba sufrindo a crise económica. Tamén alude a moción do BNG aos milleiros de aforradores atrapados na arañeira das participacións preferentes. As nacionalistas recollen na moción que "Méndez encubriu a súa mala xestión incrementando a solvencia da entidade, colocándolle produtos complexos á clientela e traspasándolle o risco á mesma".
Ademais, a iniciativa do BNG denuncia que a mala xestión de Méndez supuxo a desaparición de Caixa Galicia e supuxo, tamén, que as súas sucesoras, Novacaixagalicia e Novagalicia Banco, tiveran que ser rescatadas con inxentes recursos públicos. Tamén fai alusión ao sobreendebedamento da entidade, á lousa da sobre-exposición no sector inmobiliario ou ás participacións empresariais erróneas, así como ao desinvestimento de Caixa Galicia en empresas asentadas na Coruña, das que moitas xa pecharon e outras moitas atravesan graves dificultades. Engade a moción o caso de moitas empresas que se viron obrigadas a pechar pola falta de financiamento, debido ao estrangulamento do crédito.
Non esquecen as nacionalistas a perda do emprego, tanto en NCG como nas empresas auxiliares, así como os grandes mausoleos de dubidosa rendibilidade social que hipotecan o futuro da Obra Social. Tamén lembra a moción do Grupo Municipal do BNG que o Estado español tivo que solicitar o rescate bancario á Unión Europea ante a falta de fondos para sanear as entidades financeiras nacionalizadas, entre elas, NCG Banco.