Carril e Aymerich visitarán a zona das verteduras de Nostián convidados polo Comité de Empresa
A Coruña, 31 de xaneiro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e o deputado Carlos Aymerich visitarán mañá a zona das verteduras da planta de Nostián convidados polo Comité de Empresa de Albada, que explicarán os motivos da vertedura de lixiviados, o líquido que resulta da descomposición de refugallos orgánicos, ao mar.
Segundo denunciou o Comité de Empresa os lixiviados producidos na planta de Nostián non se están a tratar de xeito adecuado e con todas as seguridades. De feito, advertiron de que na planta se están a producir filtracións de lixiviados e mesmo algunha das naves está inundada con estes refugallos.
En xullo de 2011, o BNG reclamara, nunha solicitude dirixida ao alcalde, visitar a planta de Albada e, máis de dous anos e medio despois, o alcalde non respondeu
O Grupo Municipal do BNG segue a esperar, máis de ano e medio despois, pola resposta do Goberno municipal para visitar a planta de Albada. O portavoz nacionalista presentara o 12 de xullo de 2011 unha solicitude por rexistro na que reclamaba que se adoptasen as medidas oportunas para que o Grupo Municipal do BNG puidese visitar as instalacións da planta de Albada.
Precisamente, Carril formulara esta petición para comprobar in situ a situación real do tratamento de residuos, despois de que o Comité de empresa de Albada, denunciara, xa daquela, que a planta de Nostián se atopaba nunha situación de completa saturación, provocando graves problemas ambientais con repercusións para a cidadanía.