PREGUNTA ORAL DE AVIA VEIRA NO PLENO DO 7A
Por que a Sareb cede inmóbeis noutros concellos e non na Coruña?
Así o considera a concelleira do BNG Avia Veira, quen levará este asunto, en forma de pregunta oral, ao Pleno que se vai realizar mañá xoves.
“O da vivenda é un problema real para as coruñesas e os coruñeses, que atopan enormes dificuldades á hora de atoparen vivendas a prezos razoábeis”, alega a edil nacionalista. “Somos a undécima capital de provincia de todo o Estado cos prezos de vivenda máis caros”, engade.
Até en dúas ocasións (xullo de 2020 e maio de 2021), o Pleno do Concello aprobou mocións do BNG para instar o Goberno Local a negociar coa SAREB a cesión dos seus inmóbeis ao Concello para engrosaren unha bolsa pública municipal de vivendas en réxime de aluguer.
“A propia Sareb ten na súa páxina web acordos de cesión con outros concellos e non entendemos por que no noso caso non se avanza absolutamente nada. Só o podemos atribuír á falta de vontade política”, analiza a concelleira nacionalista. “O único que recibimos nesta materia son malas noticias, como a venda da promoción Epamar, en Palavea, por parte da Sareb a mans privadas”, subliña.
Á marxe das vivendas de Epamar, a SAREB é titular de por volta de 26 inmóbeis na Coruña. No conxunto da Galiza, o banco malo ten cedido apenas 50 inmóbeis á Xunta e 12 ao Concello de Miño.
En definitiva, Veira inquirirá o Goberno Local sobre a encomenda que recibiu do Pleno do Concello, isto é, sobre as negociacións coa SAREB para lograr a cesión dos inmóbeis.