VAINA DEFENDER FRANCISCO JORQUERA NO PLENO DO 7A
Unha moción con medidas para combater a escalada dos prezos
Unha inflación disparada na contorna do 10% (9,8% último dado coñecido) ponnos sobre a pista dunha crise social e económica de grande envergadura. “A inflación”, analiza Jorquera, “coñécese como o imposto dos pobres, pois provoca unha perda xeneralizada do poder de compra en moi pouco tempo”. Porén, non só atinxe os máis vulnerábeis, senón que tamén afecta negativamente largos sectores da economía. As consecuencias son particularmente graves na nosa cidade e na Galiza, dado o peso que temos dunha industria electrointensiva afogada polos custos enerxéticos ou dada a importancia que no noso país teñen a pesca e o complexo agro-gandeiro.
A filosofía de que parte a moción é que “non abonda con medidas conxunturais”, senón que son precisas accións “máis contundentes”, visando a abordaxe de reformas estruturais.
Por exemplo, na esfera da política fiscal cómpre baixar os impostos, si, mais non os directos, senón os indirectos sobre produtos e consumos básicos. Os directos hainos que subir, a esixir máis a quen máis ten.
No sector enerxético, son necesarias medidas específicas para salvar sectores básicos da nosa economía que corren o risco dunha destrución irreversíbel, caso da industria electro-intensiva, a pesca, o sector agro-gandeiro ou o transporte. Ao mesmo tempo, hai que mudar o marco regulatorio, a acabar cos vergoñentos beneficios caídos do ceo, e hai que compensar na tarifa os territorios produtores, como Galiza, polos custos sociais e medioambientais decorrentes da produción de electricidade.
E canto ás políticas sociais, é ben actuarmos igualmente sobre o Ingreso Mínimo Vital, os salarios e as pensións para “compensar a extraordinaria perda de poder adquisitivo”, defende Jorquera.
A este último respecto, non hai que perder de vista que, de acordo o Informe da Rede Galega contra a Pobre, en 2020 máis de 25% da poboación galega estaba en risco de pobreza ou exclusión social. O aumento brutal dos prezos pode empeorar moito a situación se desde a esfera pública non se adoptaren medidas verdadeiramente ambiciosas que vaian na dirección da xustiza social e que impidan que se produzan danos irreparábeis no noso tecido produtivo.