UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA

Sabe xa o Goberno Local cantos pisos da SAREB se poden incorporar ao Parque Municipal de Vivendas"

Avia Veira, en rolda de prensa. 13 de novembro de 2020.
Avia Veira, en conferencia de prensa
“A este Goberno Local faltoulle capacidade de presión e firmeza diante do Goberno central á hora de reclamar propiedades do Estado que puidesen engrosar o parque de vivendas municipais para dese xeito contribuír a paliar as enormes dificultades que teñen as coruñesas e os coruñeses á hora de acceder a unha morada en réxime de aluguer”, afirma a concelleira e número dous da candidatura do BNG, Avia Veira.
Sabe xa o Goberno Local cantos pisos da SAREB se poden incorporar ao Parque Municipal de Vivendas"

Veira vai levar este asunto ao Pleno do vindeiro xoves en forma de pregunta oral por medio da cal se interesa por saber se a estas alturas o Goberno Local xa sabe “cantos pisos da SAREB se van incorporar ao parque de vivendas municipais”.

Remarca a concelleira nacionalista que, a diferenza de forzas políticas que só se lembran da vivenda en campaña, o BNG leva todo o mandato a reclamar políticas efectivas do Concello nesta materia, con peticións referidas non só á cesión dos inmóbeis da SAREB senón tamén relativas ao soar que o Ministerio de Defensa ten en Adelaida Muro. “Xa no primeiro Pleno ordinario, en setembro de 2019, pedimos a cesión ao Concello de 3 vivendas da Tesourería Xeral da Seguridade Social”, lembra.

“Chegan agora as eleccións e parece que lle entran as ansias a quen sempre se negou pola vía dos feitos a desenvolver políticas de vivenda”, remarca Veira, para quen “o caso da SAREB é paradigmático”. “Durante anos defendemos, quer no Congreso dos Deputados quer no Parlamento galego, que as vivendas do chamado banco malo se cedesen para vivenda e sistematicamente se nos dixo que iso era imposíbel”.

Até que chegou a pre-campaña e entón o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, anunciou que a SAREB poría os pisos a disposición dos concellos. Moito antes dese anuncio en María Pita –en concreto, o 6 de maio de 2021- xa se aprobara en Pleno unha moción do BNG nese sentido, mais “a SAREB dedicouse durante este tempo a vacilar a un Goberno Local que lle faltou firmeza”.

Agora o que hai é unha absoluta “desinformación sobre os datos reais da presenza da SAREB na cidade”. “Algo moi parecido aconteceu co Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) ou, como nós lle adoitamos chamar, co Ministerio de Defensa S.A. Pedro Sánchez di que se van pór os bens de Defensa a dispor da vivenda pública, mais a seguir o INVIED ou Defensa S.A. di que diso nada. Era ben que se deixasen de anuncios e se comprometesen verdadeiramente cunha política de vivenda pública real”, subliña.

Canto á Xunta, administración que ostenta a maior parte das competencias en materia de vivenda, o titular do goberno galego “quixo poñerse á altura de Sánchez e dixo que el non detectara até o de agora que houbese un problema de vivenda na Galiza”.

“Desde logo para o BNG o problema de vivenda non é un problema de agora, non o descubrimos de súpeto en campaña, levamos tempo trasladándoo ao Pleno e reclamándolle á Xunta que desenvolvese as súas competencias e ao Goberno Local que fose firme diante das administracións galega e estatal e que tamén levase adiante políticas propias”, conclúe Veira.

 

 

 

 

Sabe xa o Goberno Local cantos pisos da SAREB se poden incorporar ao Parque Municipal de Vivendas"