A Ría, a mobilidade e demandas da veciñanza entre as emendas do BNG aos Orzamentos do Estado
A Coruña, 9 de setembro de 2015.- A parlamentaria do BNG no Congreso Rosana Pérez, que comezou a súa intervención amosando a súa solidariedade co sector gandeiro que está a se manifestar estes días en Lugo e en Santiago, participou esta mañá na Coruña nunha rolda de prensa na que deu conta das emendas relativas a investimentos na comarca da Coruña presentadas aos Orzamentos do Estado. En total, a parlamentaria indicou que do total das 210 emendas parciais presentadas polo BNG, 36 refírense a asuntos sociais e sectores produtivos e 133 a melloras en investimentos comarcais, por valor 2.400 millóns de euros.
Rosana Pérez cualificou como irrisorio o millón de euros dedicado á rexeneración da ría do Burgo e indica que o BNG presentou unha emenda para que o investimento sexa de 10 millóns
No referido á comarca da Coruña denunciou que con respecto ao ano anterior os Orzamentos do Estado reducíronse en máis de 5 millóns de euros. Rosana Pérez, asemade, cualificou coma irrisoria a partida dun millón de euros destinada para a rexeneración da ría do Burgo. Neste sentido, lembrou que o BNG leva defendendo que se inclúan partidas para a rexeneración da ría desde hai 15 anos, e demandou a necesidade e urxencia do estudo de impacto medioambiental e o proxecto de rexeneración. Amais, lembrou o potencial da propia ría como un dos sectores produtivos máis importantes da comarca e sinalou que na actualidade só se está a empregar un 20% do potencial produtivo desta.
Os investimentos na comarca redúcese en máis de 5 millóns de euros e, no conxunto de Galiza, máis do 50% dos investimentos están destinados ao tren de alta velocidade
Outras das emendas que destacou a deputada foron as destinadas a aumentar as partidas en seguridade viaria e ferroviaria, e indicou a contradición existente entre os grandes pronunciamentos en defensa do porto exterior por parte do Goberno do Estado e as escasas partidas destinadas á conexión ferroviaria con este, que o BNG volve a reclamar como en anos anteriores, e que estima en 3 millón de euros.
Pola súa parte, a concelleira Avia Veira referiuse a demandas que a veciñanza trasladou ao BNG e que foron asumidas por este. Trátase de investimentos para a rehabilitación da contorna do Observatorio Meteorolóxico, cuantificada en 300 mil euros, e que reclama a integración dos espazos verdes na contorna do barrio da Agra, o subsidio de préstamos á vivenda que afectan, entre outros barrios de Galiza, ao de Novo Mesoiro, ou para a substitución de paneis anti-ruído na AC-14 tramo Lonzas-Zapateira, nos lugares de San Cristovo da Viñas e das Rañas.
O BNG presentou emendas demandadas pola veciñanza para que se incorporen partidas para a rehabilitación da contorna do Observatorio Meteorolóxico, o subsidio de préstamos á vivenda que afectan ao barrio de Novo Mesoiro ou para a substitución de paneis anti-ruído na AC-14 tramo Lonzas-Zapateira
Por último, a concelleira nacionalista referiuse á proposta de acordo que o Goberno municipal levará ao vindeiro pleno na que se solicita dos grupos políticos con representación no Congreso e no Senado a presentación de emendas aos Orzamentos do Estado. Canto a isto, valorou positivamente que o Goberno da Marea se incorpore a reivindicacións que o BNG leva reclamando desde hai anos, e sinalou que a maioría dos asuntos propostos son xa emendas do Bloque aos Orzamento do Estado para 2016.
Porén, Avia Veira sinalou que é preciso que no acordo que se aprobe se deben concretar as cantidades que se queren destinar para cada unha das propostas de emendas. É por iso que demandará no propio Pleno que se determinen, tal e como xa fixo o BNG, que cantidades específicas se consideran necesarias para a ría do Burgo, para o acceso ao porto exterior ou para o desenvolvemento da mobilidade ferroviaria na comarca. Neste sentido a concelleira fixo referencia ás emendas parciais presentadas polo BNG para a execución do Eixo Atlántico Ferrol-A Coruña, para a execución do by-pass na estación Betanzos-Infesta ou para a posta en marcha do servizo de tren de proximidade.