O BNG esixe a fiscalización da concesión da Compañía de Tranvías
A Coruña, 3 de setembro de 2015.- Logo de acceder ás contas económico-financeiras da Compañía de Tranvías correspondente ao ano 2014, o Grupo Municipal do BNG denuncia que máis un ano a empresa concesionaria do servizo de autobús urbano da Coruña obtivo beneficios por conta dos petos da cidadanía. Así, o beneficio da empresa en 2014 ascendeu a 4.454.918,32 euros, cando en 2013 o beneficio ascendía a 3.449.775,90. E, á vez, o Concello transferiulle á Compañía de Tranvías 8.531.437,31 euros, cantidade que representa o 36,58% sobre a cifra de negocios.
Máis un ano, a compañía de tranvías obtén beneficios por conta da cidadanía coruñesa: o beneficio da empresa en 2014 ascendeu a 4.454.918,32 euros
Ademais, á vista das contas, o Grupo Municipal do BNG denuncia que o déficit de explotación subvencionábel da empresa foi de 2.123.954,32 euros. Tendo en conta os 8.531.437,31 euros en subvencións municipais, o Concello transferiulle á Compañía de Tranvías un total de 6.407.482,99 euros máis da cantidade que garantía o equilibrio económico-financeiro do servizo. E isto, a pesar de que o Concello da Coruña recibiu do Estado en 2014 tan só 1.336.387,36 euros en concepto de subvención ao transporte.
O Bloque salienta que o déficit de explotación subvencionábel da empresa foi de 2.123.954,32 euros. Porén, o Concello transferiulle á empresa 8.531.437,31 euros, é dicir, 6.407.482,99 euros máis do que garantía o equilibrio económico-financeiro do servizo
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que máis un ano as contas da Compañía de Tranvías reflicten que posúe unha situación financeira moi sólida, consecuencia das subvencións públicas que recibe por parte do Concello.
As nacionalistas esixen ao Goberno municipal o cumprimento inmediato da súa promesa na campaña da fiscalización da concesión da Compañía de Tranvías
Tendo en conta eses datos, o Bloque volve denunciar que mentres non se revisen a concesión e mais a fórmula polinómica, a empresa concesionaria seguirá a frotarse as mans cos suculentos beneficios que recibe por conta de todos e todas nós. Neste sentido demanda que o Goberno da Marea Atlántica cumpra co seu programa electoral e que fiscalicen a concesión da compañía de tranvías sobre todo pensando en que nos vindeiros meses temos que aprobar as ordenanzas de taxas e prezos públicos no que está incluído o prezo do billete de autobús. De aí, que as nacionalistas insistan en esixir a máis que necesaria revisión da concesión de 1986, tal e como permite o artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña, e mais da fórmula polinómica para o cálculo do billete, tal e como permite o artigo 12.3 do convenio regulador da concesión.