RESPOSTA A UNHA PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA

A restauración do cruceiro de Carracedo, pendente da autorización da Dirección Xeral do Patrimonio

cruceiro_carracedo_2
cruceiro_carracedo_2
O proxecto de restauración do cruceiro de Carracedo está pendente da autorización por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, informa o Goberno Local ao BNG en resposta a unha pregunta formulada pola nosa concelleira, Avia Veira.
A restauración do cruceiro de Carracedo, pendente da autorización da Dirección Xeral do Patrimonio

O cruceiro é un elemento patrimonial de Elviña que a principios de febreiro apareceu danado xusto cando se estaba a remodelar a praza Emilio Jaspe Deza, na que se acha. A empresa encargada da reforma negou ser responsábel dos desperfectos.

Canto ao novo emprazamento que terá o cruceiro após a súa restauración, o Goberno Local indica que a súa nova ubicación está recollida “no proxecto de reurbanización da contorna do Lavadoiro de Elviña” e foi “consensuada cos veciños da zona”.

O BNG inquirira o Goberno Local se determinara “a autoría ou responsabilidade nos anos producidos ao cruceiro do Carracedo, en Elviña”. O Executivo local elude a cuestión e limítase a responder que de acordo as pesquisas da restauradora “a caída e rotura puideron ter a súa orixe na acción da auga e os cambios de temperatura sobre as zonas do cruceiro que xa foron reconstruídas con cemento e ladrillo sen subxección algunha coa pedra”.

cruceiro_carracedo_1

“A facultade sancionadora tena a Xunta, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, mais a xulgar pola resposta o Goberno Local non se dirixiu a ela para lle pedir que se abrise un procedemento con vistas a determinar a autoría dos danos sufridos polo cruceiro”, remarca Avia Veira.

O Concello, en todo caso, si ten a obriga de termar do patrimonio histórico-artístico da cidade e debería ter tomado medidas para evitar que durante as obras ficase danado un elemento patrimonial especialmente querido polas persoas que moran no lugar de Carracedo, un núcleo que na súa configuración tradicional desapareceu para dar paso ao actual barrio de Mato Grande.

 

 

A restauración do cruceiro de Carracedo, pendente da autorización da Dirección Xeral do Patrimonio