É PRECISO COLABORAR COS SEUS HABITANTES NO EIDO LABORAL, EN ESPECIAL COS QUE SE DEDICAN AO TRATAMENTO DA CHATARRA

Asentamentos precarios: non se trata só de desmantelalos

Asentamento precario na Pasaxe
Asentamento precario na Pasaxe
En febreiro pasado, a concelleira do BNG Avia Veira dirixiu unha pregunta por escrito ao Goberno Local a respecto dos asentamentos precarios que existen na nosa cidade e, máis en concreto, en relación a unha afirmación da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, que non se axusta á realidade, a de que co desmantelamento do poboado da Pasaxe concluía o fenómeno das infra-vivendas na nosa cidade.
Asentamentos precarios: non se trata só de desmantelalos

Veira inquiría tamén o Goberno Local sobre as medidas concretas impulsadas desde o Goberno Local para “traballar cos habitantes do asentamento precario da Pasaxe no eido laboral” e, en concreto, sobre “que solución lle deu o Goberno Local ás persoas que se viñan dedicando á chatarra”.

A resposta ofrecida polo Goberno Local –que se achega con esta nota de prensa- deixa claro que efectivamente, á marxe da Pasaxe, existen outros asentamentos precarios na cidade. “Ao finalizar o traballo co poboado da Pasaxe será cando se analicen os pasos a seguir cos outros dous poboados [As Rañas e O Portiño]”, afirma o Goberno Local na súa resposta. “Ben está que se recoñeza que existen outros asentamentos precarios, mais nada se nos di de que se vai facer para os desmantelar”, remarca Veira.

Canto á colaboración coas persoas que se dedican á chatarra, a resposta é evasiva e, por tanto, “decepcionante”, avalía Avia Veira. “Os Servizos Sociais Municipais traballan de maneira individualizada cos itinerarios de todos os cidadáns”, di o Goberno Local.

“Botamos de menos que se nos diga se se pensa colaborar desde o Concello coas persoas que gañan a vida co tratamento da chatarra. Desde logo é necesario traballar para que o tratamento destes materiais, que poden ser contaminantes, se realicen en lugares axeitados para teren o menor impacto ambiental posíbel”, entende Veira, quen propón tamén que se estude a posibilidade de lle axudar a este colectivo “por exemplo na creación dunha cooperativa para o tratamento e valorización destes residuos”, conclúe Veira.

 

 

 

Asentamentos precarios: non se trata só de desmantelalos