Por que se reducen os horarios da Biblioteca de Estudos Locais?
A Coruña, 27 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG presentou esta mañá varias preguntas a respecto da redución do horario de atención ao público da Biblioteca de Estudos Locais.
O Grupo Municipal do BNG preguntaralle no vindeiro Pleno ao Goberno municipal sobre a modificación do horario de apertura da Biblioteca de Estudos Locais
As nacionalistas, que tiveron coñecemento a través da páxina web das Bibliotecas Municipais da modificación do horario de atención ao público da Biblioteca de Estudos Locais que se ve reducido no seu horario de apertura de 64 horas semanais a 42, sinalan, na súa iniciativa, que esta biblioteca é a única especializada das de titularidade municipal, asemade de ser a única biblioteca de conservación do patrimonio bibliográfico e documental da cidade polo que é utilizada non só pola veciñanza da Coruña senón tamén por estudantado e persoas que se dedican á investigación que non residen aquí, polo que o seu peche ou a modificación do horario afecta de xeito extraordinario aos seus usuarios e usuarias.
O BNG denuncia que esta redución, da que tivo coñecemento a través da páxina web das Bibliotecas Municipais, e que modifica o horario de apertura de 64 horas semanais a 42, afecta de xeito extraordinario aos seus usuarios e usuarias
Para o BNG, a baixa temporal de persoal da Biblioteca non debería ser o motivo desta modificación xa que logo, o propio Grupo Municipal do BNG puido comprobar a través do acceso aos decretos e resolucións o nomeamento de persoal para outras dependencias municipais, e poñen como exemplos varias resolucións nas que se autoriza o nomeamento, por acumulación de tarefas, dun auxiliar administrativo para a Oficina de Información e Rexistro de Urbanismo, ou se autoriza o nomeamento de dous auxiliares administrativos para a Sección de Licenzas, dentro do Servizo de Intervención da Edificación e Disciplina Urbanística, ou mesmo se autoriza noutra resolución o nomeamento dun conserxe de colexio para o Servizo Municipal de Educación.
Avia Veira: Queremos que o Goberno local responda a se este cambio de horario vén provocado por baixas circunstanciais do persoal da Biblioteca, e se é así por que non se procede á contratación de persoal alegando que se trata dun servizo esencial como se fixo con outras dependencias municipais segundo contrastamos en distintos decretos e resolucións
En todos estes casos, o Goberno municipal xustificou que se trataban de casos excepcionais que respondían a necesidades urxentes e inaprazábeis e que afectaban ao funcionamento de servizos públicos esenciais, polo que nos preguntamos se o que acontece é que o Executivo local non considera neste caso a Biblioteca de Estudos Locais parte dun servizo esencial, sinalan desde o BNG.
Deste xeito, o BNG pregúntalle ao Goberno municipal cales son os motivos da modificación do horario da Biblioteca de Estudos Locais, se este motivo vén provocado por baixas circunstanciais do persoal da Biblioteca, o por que non se procede á súa contratación de xeito similar ao indicado nos exemplos aos que aluden, e, por último, para cando prevé restablecer o Goberno municipal o horario orixinal ou se contempla o horario actual como definitivo.
Preme aquí para ver a iniciativa presentada.
Noticias relacionadas: