Por que non se cedeu o teatro Rosalía para as actividades do Día do Libro dedicadas a Manuel María?
A Coruña, 26 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG presentou esta mañá unha batería de preguntas para a súa resposta por escrito no próximo Pleno a respecto da negativa do Goberno municipal a ceder o teatro Rosalía de Castro para as celebracións en torno ao Día Internacional do Libro do pasado día 23 de abril, no que a Fundación Manuel María, en colaboración coa A.C. Alexandre Bóveda, organizaron unha homenaxe literaria e popular ao escritor ao que se lle dedica este ano as Letras Galegas, Manuel María, e á súa obra creativa.
O BNG preguntaralle o Goberno municipal no próximo Pleno por que non cedeu o Teatro Rosalía de Castro para a lectura pública da obra de Manuel María que tivo lugar o sábado co gallo do Día do Libro
A idea inicial da Fundación, segundo se salientou no propio acto do sábado, e tal e como trasladan agora as nacionalistas, era celebrar este acto no teatro Rosalía de Castro e así foi solicitado e comunicado debidamente ao Concello da Coruña. Con esta solicitude pretendíase unha celebración popular, ampla, que chegase á maioría social da nosa cidade de xeito festivo e lúdico, e co obxecto de que o maior número de xente puidera participar dela xa que logo Manuel María tivo unha moi importante vinculación coa cidade da Coruña, que vén xa dos anos cincuenta do século pasado, mais que se ampliou cando xubilado escolle a nosa cidade para nela vivir até o seu falecemento o 8 de setembro de 2004. Neste tempo foi unha personalidade de referencia para toda A Coruña, sinalan desde o BNG.
O Bloque indica que a Fundación que leva o seu nome e a A.C. Alexandre Bóveda pensaron no teatro Rosalía xa que logo, este auditorio, e non por casualidade, foi o lugar escollido no seu día para realizar a grande homenaxe nacional en vida de Manuel María porque a vinculación de Manuel María con Rosalía de Castro ía alén da literaria e cultural chegando ao persoal e sentimental.
A Fundación Manuel María solicitou formalmente a cesión do teatro para realizar unha homenaxe pública nesta data ao escritor Manuel María no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas
Sen embargo, segundo as nacionalistas, desde o Concello da Coruña negouse a cesión do teatro, facendo as propostas alternativas da sede da Casa Casares Quiroga e a sede da Fundación Luis Seoane, todos eles locais significados da nosa cidade, mais a todas luces insuficientes para albergar o acto de homenaxe que se pretendía facer e illadas do simbolismo que se buscaba, e alegando que existía falta de persoal que puidera atender as instalacións para esa data do 23 de abril.. Finalemente a Fundación escolleu a sede do Museo de Belas Artes.
É pos isto que o Grupo Municipal do BNG traslada ao Goberno municipal sendas preguntas para clarificar esa falta de persoal aludida. Deste xeito pregúntalle ao executivo local que actividade houbo o 23 de abril no teatro Rosalía de Castro que impediu ser cedido para a realización do acto, se é certo que se argumentou á falta de persoal para poder ceder o teatro Rosalía de Castro para a celebración da actividade e, se é certo que non había suficiente persoal para atender as dependencias, cales son as causas desta falta de persoal. Neste sentido, o Bloque inquire tamén saber como pode ser que se alegue falta de persoal no teatro Rosalía de Castro cando se teñen realizado recentemente actividades mesmo os domingos á mañá, se se esgotaron todas as alternativas posíbeis á esta falta de persoal para poder ceder o teatro Rosalía de Castro e que alternativas barallaron antes de ofrecer outros locais.
Avia Veira: O Concello alegou «falta de persoal» para non ceder as instalacións do teatro Rosalía de Castro cando se teñen realizado recentemente actividades mesmo os domingos á mañá. É por iso que queremos saber cales son as causas desta «falta de persoal»
Por último, as nacionalistas, tamén na mesma iniciativa, solicitan do Executivo local saber, ao estar dedicado este ano o Día das Letras Galegas á figura de Manuel María, se teñen previsto realizar ao longo do ano desde que actividades concretas, a través de que medios e para cando.