MOBILIDADE

A “rebeldía” na mobilidade da Marea é seguir coa Compañía de Tranvías

Buses da Compañía de tranvías diante do edificio do Concello
Buses da Compañía de tranvías diante do edificio do Concello

Cualificamos de escandaloso que o Sr. Ferreiro supedite só ao prezo do autobús unha posíbel prórroga ou incluso nova concesión á Compañía de Tranvías

Cremos, tras as declaracións do alcalde nas que supedita unha posíbel prórroga e nova concesión á Compañía de Tranvías en base a unha redución do prezo do billete de bus, que tanto Xulio Ferreiro como Daniel Díaz se teñen pregado aos intereses da empresa ademais de demostrar un profundo e gravísimo descoñecemento da realidade de cotío de miles de coruñesas e coruñeses que empregan a diario o bus

Desde que se tivo coñecemento da aplicación do Regulamento CE 1370/2007 que deu lugar a extinción da concesión administrativa do Servizo de Transporte Colectivo de Viaxeiros, propuxemos que este pasase a ser de xestión pública municipal, polo que entendemos que con estas declaracións a Marea Atlántica adianta a súa renuncia mesmo a se formular esta posibilidade e, por tanto, renuncia a unha oportunidade histórica de mudar dun xeito transformador a mobilidade na Coruña

Eís o exemplo claro do que denunciabamos esta semana ao facer valoración do labor do Goberno municipal no ecuador do mandato; a Compañía de Tranvías leva obtendo desde hai décadas pingües beneficios a conta das achegas de cartos públicos, de todas e todos nós, ofrecendo un servizo pésimo e do cal existen múltiples laios, desatendendo persoas, liñas, barrios, frecuencias, etc, e sen que haxa a mínima posibilidade de incidir ou lle obrigar a modificar esta forma de proceder. E agora, o Executivo quere volver negociar coa empresa. Agora quere seguir beneficiando ao Sr. Prada en prexuízo do pobo da Coruña. É inadmisíbel e intolerábel

A “rebeldía” na mobilidade da Marea é seguir coa Compañía de Tranvías

Entendemos como escandalosas as declaracións realizadas polo Sr. alcalde onte nas que se refería ás posíbeis actuacións que o Goberno municipal prevé realizar a respecto da situación actual do servizo de transporte urbano.

Nestas, nas que supedita unha posíbel prórroga e nova concesión á Compañía de Tranvías en base a unha redución do prezo do billete de bus, se amosa que tanto Xulio Ferreiro como Daniel Díaz se teñen pregado aos interesen da empresa ademais de demostrar un profundo e gravísimo descoñecemento da realidade de cotío de miles de coruñesas e coruñeses que empregan a diario o bus.

Bus facendo o percorrido dunha das liñas pola cidade

A Compañía de Tranvías leva gañado desde 2010 un total de 21.182.804,64 € de beneficios netos despois de impostos, e a porcentaxe de subvención que paga o Concello sobre a cifra de negocios pasou do 33,84% en 2010 ao 37% en 2015, ultimo dato do que dispoñemos, mentres que é algo público e notorio, especialmente para aquelas persoas que somos usuarias frecuentes do transporte na nosa cidade, que o bus é caro e ineficiente, que actualmente non serve para conectar os barrios da nosa cidade, nin cos polígonos industriais, nin cos centros sanitarios, e ten máis que abandonadas as zonas máis periféricas da cidade.

Por tanto, a premisa de Xulio Ferreiro, e por extensión da concellaría de Mobilidade que leva Daniel Díaz, de que o prezo é o único problema a resolver, só pode significar dúas cuestións: que o Executivo local xa se pregou aos intereses da Compañía de Tranvías, poñéndose de parte, e que a área de mobilidade do Goberno local non é coñecedora da situación real diaria da veciñanza da Coruña. E preferimos crer isto a que nesta área se tivera coñecemento desta realidade, xa que logo, as declaracións amosarían a nula preocupación que existiría por resolver a situación.

Neste sentido, desde que se tivo coñecemento da aplicación do Regulamento CE 1370/2007 que deu lugar a extinción da concesión administrativa do Servizo de Transporte Colectivo de Viaxeiros, propuxemos que este pasase a ser de xestión pública municipal, polo que entendemos que con estas declaracións a Marea Atlántica adianta a súa renuncia mesmo a se formular esta posibilidade e, por tanto, renuncia a unha oportunidade histórica a mudar dun xeito transformador a mobilidade na Coruña.

A xestión pública municipal suporía xestionar de xeito directo o prezo do billete, mellorar as infraestruturas, paradas, marquesiñas, autobuses etc, mellorar as rutas, frecuencias e horarios, que permitan que as coruñesas e os coruñeses non precisen empregar o coche para ir traballar ou para facer a súa vida diaria e para implementar bonificacións que fagan máis accesíbel economicamente e compensen a utilización do transporte colectivo fronte ao privado, e mesmo para implementar medios de transporte alternativos para non limitármonos o servizo de autobús.

Por tanto, o reducir o debate da situación do bus na cidade ao seu prezo para querer chegar a unha solución integral da mobilidade, no canto de atender o problema global que supón para millóns de viaxeiras e viaxeiros ao ano, como formulou onte o Sr. alcalde é, simplemente, impropio e simplista.

Mais tamén coherente coa política que vén desenvolvendo o Goberno da Marea desde o principio de mandato nesta área de mobilidade, na que non se fixo ningunha actuación alén da retirada da pasarela peonil que daba acceso ao Fernando Wirlz e da que non se dotou aínda de alternativa algunha.

Por último, sinalamos que este é precisamente un dos exemplos aos que, durante esta semana, nos referíamos cando cualificabamos de decepcionante o labor do Goberno municipal despois de dous anos de mandato, xa que logo moitas das promesas e propostas da Marea Atlántica realizadas durante a campaña das municipais e ao inicio de mandato se teñen convertido en papel mollado, e reconmendabamos ao Executivo a comezar a ter unha actitude máis valente e decidida nos temas políticos fundamentais da cidade.

Eís o exemplo claro do que denunciabamos, ao facer valoración do labor do Goberno municipal no ecuador do mandato: a Compañía de Tranvías leva obtendo desde hai décadas pingües beneficios a conta das achegas de cartos públicos, de todas e todos nós, ofrecendo un servizo pésimo e do cal existen múltiples laios, desatendendo persoas, liñas, barrios, frecuencias, etc, e sen que haxa a mínima posibilidade de incidir ou lle obrigar a modificar esta forma de proceder.

E agora, o Executivo quere volver negociar coa empresa. Agora quere seguir beneficiando ao Sr. Prada en prexuízo do pobo da Coruña e en prexuízo dese 99% do que tanto se gababan que ían defender se gobernaban.

É inadmisíbel e intolerábel.

A Coruña, 17 de xuño de 2017.

 

Noticias relacionadas:

A “rebeldía” na mobilidade da Marea é seguir coa Compañía de Tranvías