BARRIOS

Queremos que se mellore a contorna da rúa Vila de Cambre

Situación na que se atopa este espazo axardinado en Monte Alto
Situación na que se atopa este espazo axardinado en Monte Alto

Presentamos unha iniciativa para o Pleno ordinario de xullo interesándonos pola situación dos espazos axardinados de Monte Alto

Rexistramos esta mañá unha pregunta, para a súa resposta por escrito polo Goberno local, polo estado de abandono de varias zonas na contorna da rúa Vila de Cambre

Veciñanza da zona trasladounos as súas queixas e fotografías sobre o estado actual que presentan estes espazos axardinados, ao carón dunha zona infantil, e para a que demandan unha actuación urxente e inmediata para a súa recuperación

Queremos que se mellore a contorna da rúa Vila de Cambre

Vimos de presentar esta mañá unha batería de preguntas (podes velas premendo aquí), a iniciativa da veciñanza da contorna da rúa Vila de Cambre e nas que trasladamos as súas queixas, a respecto da situación de varios espazos axardinados nun estado de deterioro evidente.

Deste xeito, recollemos a demanda da veciñanza que denuncia a existencia de varias superficies axardinadas no barrio de Monte Alto, nas que en case dous anos nunca se viu funcionar o rego por aspersor, provocando que a herba estea seca ou, en non poucos puntos, que directamente non haxa.

Outra prespectiva desde a rúa Vila de Cambre

Segundo o que nos comentou a propia veciñanza, o estado de abandono é total. Cómpre sementar a herba novamente e, despois, manter os xardíns debidamente con regos diarios nas épocas secas do ano, que cada vez son máis. Mesmo dáse a curiosa circunstancia de que en recente data, e co comezo da campaña A pe de barrio, que desenvolve o Goberno municipal co obxecto de «coidar e arranxar os barrios», nunha destas zonas axardinadas colocouse un letreiro publicitario, cousa que as propias veciñas e veciños destas zonas nos comentan que consideran mesmo unha burla.

Así, queremos saber se o Executivo ten coñecemento da situación destas zonas axardinadas e se pode dar conta das causas polas que o rego destas superficies non funcionou durante estes dous anos, xa que logo é debida a problemas técnicos ou a unha decisión da área de Medio Ambiente, requirindo explicacións se se trata deste último caso.

Por último, preguntamos para cando pensa solucionar a situación destas áreas, se esta solución entrará na campaña A pe de barrio ou se vai facer seguimento das áreas independentemente desta actuación concreta, e, ao darse a circunstancia de non ser a primeira vez que o noso Grupo Municipal do BNG traslada problemas de conservación a respecto de distintas áreas axardinadas da cidade, solicitamos que se aclare a frecuencia coa que a área de Medio Ambiente fai control e seguimento de cada área axardinada, tanto en Monte Alto como no resto da Cidade.

A Coruña, 19 de xuño de 2017

Queremos que se mellore a contorna da rúa Vila de Cambre