Quen autorizou a colocación de publicidade no edificio da estación de San Cristovo?
A Coruña, 19 de outubro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou esta mañá varias preguntas para a súa resposta por escrito de cara ao próximo Pleno ordinario nas que trata de pescudar quen é responsábel da colocación de sendas lonas de publicidade na torre do edificio da estación dos camiños de ferro de San Cristovo. Para o Bloque a colocación destas lonas, de grandes proporcións son un ataque vandálico contra do patrimonio urbanístico, cultura e social da nosa cidade.
O Grupo Municipal do BNG entende como un ataque vandálico ao patrimonio urbanístico, cultural e social da nosa cidade a colocación de sendas lonas de publicidade na torre do edificio da estación de San Cristovo
As nacionalistas lembran que o proxecto do edificio da estación de San Cristovo foi redactado en 1935 polo enxeñeiro Antonio Gascué Echeverría, rematado de construír en 1943 e inaugurado en 1945. Posúe unha arquitectura única respecto ás estacións de FF.CC. en todo o Estado e internacionalmente. É un edificio cunha mestura de estilos: por un lado recibe influencias do estilo racionalista, ao que pertencen entre outros a gasolineira Porto Pi ou a casa do Marqués de Villora en Madrid ou o edificio do Club Náutico de San Sebastián, no estado español, ou a Estación Central de Helsinki en Finlandia, coa que comparte unha estética moi similar. Por outro, tamén estivo influenciado polo estilo de postguerra, período no cal foron rematados varios engadidos ao tempo dos tramos ferroviarios que unían a cidade con Santiago de Compostela e con Zamora.
A singularidade do edificio reside en que, ao ser unha estación de camiños de ferro terminal, tivo que realizarse un peche na cara norte que se reflexa na planta do edificio nun remate en forma de L coa súa torre no ángulo entre a rúa Joaquín Planells e a Rolda de Outeiro. Asi mesmo, a fachada a diferenza doutros casos similares resoltos con vidro péchase con grosas pezas de granito do país sen desbastar, nunha composición almenada pretendidamente tosca e moi vertical, a medio camiño entre a tradición neorrománica e a posterior arquitectura de ´pastas´ do arquitecto vigués Xosé Bar Boo, tal e como recolle A Coruña. Guía de Arquitectura editado pola Comisión de Cultura da Delegación do COAG, realizado por Esteban Fernández Cobián, e publicado en 1998.
O Bloque rexistrou esta mañá varias preguntas para a súa resposta por escrito no próximo Pleno esixindo coñecer quen deu autorización á colocación destas lonas
Equiparábel ao valor arquitectónico da estación de San Cristovo son o seus valores cultural e social para a cidade da Coruña. É un edificio de referencia que forma parte xa da estrutura urbana da cidade, e, pertence, por tanto, ao patrimonio urbano colectivo da Coruña. E, sen lugar a dúbidas, un Ben a protexer e coidar por todas as administracións.
As nacionalistas esixen a retirada inmediata desta publicidade nun dos edificios máis singulares da nosa cidade, mestura de estilos racionalista e de postguerra
Deste xeito, o BNG lembra que para a colocación de calquera soporte publicitario na vía pública existe a normativa de referencia da ordenanza municipal reguladora da publicidade exterior que recolle no seu artigo 8.1 que con independencia das prescricións estabelecidas nos artigos anteriores poderanse denegar aquelas solicitudes de licenzas nas que o Concello, no uso das súas competencias en materia de defensa do patrimonio urbano e o seu medio, e por consideracións de índole estética, estimase precisa a preservación dos espazos interesados, no artigo 8.2 que non se tolerarán en ningún caso, as instalacións que se pretenden situar nos edificios catalogados como Monumentos Histórico-Artísticos polo Ministerio de Cultura ou con nivel de protección integral polo Concello, ou na contorna dos mesmos, cando menoscabe a súa contemplación, nin as que produzan graves distorsións na paisaxe urbana ou natural, ou que no seu artigo 16 os actos de instalación de carteleiras están suxeitos á previa licenza municipal e mais ao pagamento das correspondentes exaccións fiscais, e incluso no artigo 30 se considera como infracción grave a instalación de carteleiras sen licenza municipal ou sen axustarse ás condicións da mesma
É por iso que as nacionalistas pregúntalle ao Goberno municipal quen autorizou a colocación das lonas publicitarias para, no seu caso, adoptar as correspondentes sancións recollidas na ordenanza e obrigar á retirada daquelas á maior brevidade posíbel. E, de ter sido o propio Goberno municipal quen autorizou esta colocación, inquírelle se outros bens urbanísticos e arquitectónicos, tales como as galerías de Porta Real, a Casa Paredes ou mesmo a Torre de Hércules non van estar libres de se lles colocar nun futuro calquera outro tipo de publicidade.
Por último tamén o BNG pregunta se a colocación destas lonas, por medio dun soporte metálico, teñen causado algún tipo de dano ou deterioro á fachada da torre da estación e que medidas teñen pensado tomar contra os causantes.