O BNG pregunta pola situación de deterioro da fonte do parque de Vioño
A Coruña, 17 de outubro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar varias preguntas para a súa resposta escrita co obxecto de coñecer se o Goberno municipal é coñecedor da situación da fonte do parque de Vioño á altura da rúa Revolución Francesa.
O Grupo Municipal do BNG rexistra varias preguntas para a súa resposta escrita sobre a situación actual da fonte do parque Vioño
As nacionalistas indican que veciñanza do barrio de Vioño vén de trasladarlles a súa preocupación polo afundimento, no mes de setembro, de parte da estrutura desta fonte. Esta mesma veciñanza indicoulle ao grupo municipal do BNG que, desde entón, cando se colocou un valado perimétrico de seguridade, non se volveu a realizar ningunha actuación para a reparación desta fonte, amosando a súa preocupación polo evidente risco da fochanca que provocou o propio afundimento.
No mes de setembro afundiuse parte da estrutura que a soportaba a aínda non foi reparada
Non cremos necesario redundar no perigo que supón a existencia desta fochanca nun parque utilizado por toda a veciñanza do barrio e nomeadamente polas crianzas, e menos insistir en sinalar que, logo de máis dun mes desde a colocación deste valado, non se ten realizado ningunha actuación para a reparación desta fonte, sinalan as nacionalistas.
As nacionalistas pregúntanlle ao Goberno municipal se ten solicitado algún informe sobre as causas deste afundimento e, de se ter realizado este informe, saber se vai realizar algunha inspección no resto de elementos ornamentais do parque co obxecto de garantir a seguridade
Así, o Bloque pregunta se o Goberno municipal é coñecedor desta situación e, se é coñecedor, cando vai amañar este deterioro. Do mesmo xeito, as nacionalistas tamén lle preguntan se ten solicitado o levantamento do informe correspondente para coñecer as causas do afundimento do solo onde se soportaban as lousas desta fonte e, de derivarse do informe algún tipo de defecto ou irregularidade na construción desa fonte, se ten pensado o Goberno municipal realizar algún tipo de inspección do resto dos elementos ornamentais do parque de Vioño, co obxecto de garantir a seguridade no mesmo.