LEVARÁ O ASUNTO AO #PLENOOUTUBRO DO 2O
Queixas sinala as administracións local e galega como responsábeis da falta de mantemento da escola pública
Falta de mantemento que ás veces se traduce en cousas tan nimias como que non se arranxan ventás que non se dan fechado ou non se cambian bombillas fundidas.
Falta de mantemento que decorre tamén do escaso investimento da Administración galega na escola pública da nosa cidade.
Esta situación leva a concelleira Mercedes Queixas a formular unha pregunta oral ao Goberno de Inés Rey no Pleno do vindeiro xoves 2 de outubro. A cuestión reza así: Con que grao de celeridade considera o señor Borrego [concelleiro delegado de Educación] que se atenden desde a súa Concellaría as necesidades de mantemento dos centros educativos públicos de infantil e primaria da cidade da Coruña?”.
“O Goberno de Inés Rey ten unha dupla responsabilidade cos centros educativos da cidade”, remarca Mercedes Queixas. “Mais a xulgar polo que temos comprobado nas nosas visitas aos propios centros ou a teor das denuncias feitas polas diversas comunidades educativas, deducimos que o Goberno Local non debe ser consciente da situación”, engade.
É competencia directa do Goberno Local atender “o mantemento diario dos colexios de infantil e primaria”, mais tamén é da súa incumbencia esixir á Xunta que exerza as súas atribucións exclusivas en educación para garantir o dereito a un ensino de calidade, quer a respecto das infraestruturas quer verbo da dotación dos recursos docentes que garantan unha educación inclusiva e de calidade.
Por tanto, falla o Goberno de Inés Rey tanto á hora de exercer as súas competencias como tamén á hora de lle demandar á Xunta que faga o propio coas súas.
“É obvio que a Xunta continúa a esquecer as necesidades e demandas dos centros educativos públicos da Coruña”, salienta. “As comunidades educativas reclaman atención e recursos docentes para o ensino público e o Goberno de Inés Rey ten que ter unha actitude esixente diante da Xunta de Galiza”, conclúe.