Na primeira toma de contacto sobre os orzamentos 2026, o BNG pon o acento na recuperación dos participativos e das atribucións do Pleno
Dando cumprimento ao Acordo de Investidura -que marcaba o mes de setembro como inicio da negociación das contas do Concello-, o grupo municipal do BNG mantivo esta mañá unha xuntanza co Goberno Local co proxecto de orzamentos da institución local para 2026 sobre a mesa.
Nesta toma de contacto -segundo informou brevemente aos medios o noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera-, BNG e Goberno Local acordaron calendario e método de traballo, cunha idea clara: “Ficamos emprazados a negociar a fondo os orzamentos durante todo o mes de outubro”.
Jorquera puxo o acento en que, perante esa negociación, a ollos do BNG hai unha “cuestión previa fundamental” que ten a ver “coa democracia e coa participación”.
“Hai que recuperar para o Pleno”, remarcou, “a capacidade de control e de fiscalización do cumprimento dos orzamentos” que se perdera coas contas de 2025 [cando se modificaron as bases de execución orzamentaria]. E, ao mesmo tempo, é preciso “recuperar os orzamentos participativos”. “Para nós esas son cuestións fundamentais”, alegou.
Jorquera xulga que a posición de firmeza adoptada polo BNG perante os orzamentos de 2025 levou o PSOE a unha certa rectificación e a “dar impulso ao cumprimento dalgúns dos elementos contidos no Acordo de Investidura”, ben tamén como “a negociar connosco antes dos plenos aqueles asuntos que se someten a debate, mesmo incorporando propostas do BNG”.
“Ante esta rectificación, o BNG mostra a súa plena disposición a negociar”, enfatizou.
En todo caso, o portavoz nacionalista non quere prexulgar os resultados das conversas: “Será a propia negociación a que vaia esclarecendo se hai ou non marxe para o acordo”.