David Soto porá voz no Pleno ás demandas do persoal do servizo de actividades deportivas municipais

Xuntanza T SMD
Un momento da xuntanza de David Soto co persoal do Servizo de Actividades Deportivas
O concelleiro do BNG David Soto vaille dirixir unha pregunta oral ao Goberno de Inés Rey no Pleno do vindeiro xoves 2 de outubro en relación á situación do servizo de actividades deportivas municipais.
David Soto porá voz no Pleno ás demandas do persoal do servizo de actividades deportivas municipais

Este servizo préstase en réxime de concesión, cun contrato que vai caducar en novembro. Soto mantivo recentemente unha xuntanza cunha representación do cadro de persoal, que lle manifestou a súa inquietude perante o feito de que o servizo se vaia prestar en precario, sendo que a día de hoxe nada se sabe dos pregos precisos para unha nova licitación.

“Estamos a falar dun servizo moi importante para a actividade deportiva na cidade, e nomeadamente para o deporte de base”, remarca Soto. Un servizo que non só está vinculado coas escolas deportivas, mais tamén coa organización de eventos como as carreiras populares.

O BNG defende que na redacción dos novos pregos se teñan en conta as demandas do cadro de persoal.

“O Goberno de Inés Rey ten que cumprir cos seus deberes e evitar que este servizo se vaia prestar en precario. E desde logo ten que ter en conta as moi razoábeis reivindicacións laborais das e dos traballadores, sendo que a metade do persoal está a tempo parcial e as súas retribucións superan por pouco o salario mínimo interprofesional”, resalta Soto.

O concelleiro nacionalista critica que, tal e como denuncia o persoal, o Goberno Local nunca tivo unha reunión con elas e eles para saber das súas condicións laborais e tomar nota das súas demandas.

O teor da pregunta oral do BNG é o seguinte: “Como valora o Goberno Local a súa xestión do servizo de actividades deportivas?”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

David Soto porá voz no Pleno ás demandas do persoal do servizo de actividades deportivas municipais