Queixas leva ao Parlamento galego a demora no ingreso das compensacións aos mariscadores da Ría do Burgo

Dragaxe da Ría do Burgo
A parlamentar do BNG Mercedes Queixas rexistrou iniciativas na Cámara galega –unha pregunta oral e outra por escrito- por medio das cales urxe a Xunta a que faga xestións ante o Goberno do Estado para axilizar o cobro das compensacións por parte dos mariscadores da Ría do Burgo afectados polas obras de dragaxe.
Queixas leva ao Parlamento galego a demora no ingreso das compensacións aos mariscadores da Ría do Burgo

As compensacións foron acordadas nunha reunión que tivo lugar o pasado 3 de febreiro na Delegación do Goberno da Coruña entre os gobernos galego, estatal e a Confraría de Pescadores.

Mais transcorrido o tempo, os mariscadores –que o pasado 3 de marzo comezaron a traballar nos labores previos á dragaxe, mais que permanecerán forzosamente inactivos na súa actividade extractiva durante os perto de dous anos e medio que se estima durarán as obras- continúan sen percibir o diñeiro comprometido.

A escusa ofrecido polas administracións para a demora na materialización das axudas é que carecían dunha cuantificación económica concreta por parte do colectivo de traballadores. Mais eses datos xa os ten a Xunta desde o pasado mes de marzo e en teoría debería terllos remitido ao goberno do Estado. A Confraría critica que a Xunta nin sequera se ten dirixido a ela para lle dicir que xa dispuña da información requirida e que, por tanto, se poría en contacto co goberno do Estado para completar o proceso.

 “Por que o Goberno galego non ten respondido á comunicación da Confraría de Pescadores da Coruña que fixa o importe das compensacións económicas aos mariscadores?”, inquire Mercedes Queixas, quen a seguir interpela o Executivo galego nestes termos: “Que xestións está a facer o goberno da Xunta ante o do Estado para apremiar o cobro das compensacións económicas aos mariscadores da Ría do Burgo”.

  

Queixas leva ao Parlamento galego a demora no ingreso das compensacións aos mariscadores da Ría do Burgo