"AS PRIORIDADES DA CIDADE NON SON UNHA PISCINA E UNHA PASARELA"

Jorquera ironiza sobre o Consello da Xunta na Coruña: "Feixoo parece ofrecerse tamén como candidato á Alcaldía"

<i>Francisco Jorquera</i>
O aínda titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, protagonizou este venres un Consello da Xunta na nosa cidade cun carácter exclusivamente propagandístico, moi a ton co que ten sido a súa presidencia.
Jorquera ironiza sobre o Consello da Xunta na Coruña: "Feixoo parece ofrecerse tamén como candidato á Alcaldía"

“A verdade é que parece que Feixoo non se conforma con ser presidente da Xunta e do PP á vez e parece ofrecerse como candidato á Alcaldía da Coruña polo seu partido. Vese que o PP non confía moito na canteira local”, ironiza o voceiro nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera.

Para o portavoz do BNG en María Pita, a Xunta continúa a lle virar as costas á nosa cidade. “Vir a facer Consello da Xunta á Coruña e ofrecer como grande reclamo a construción dunha pasarela e unha piscina é tanto como non tomar en serio a nosa cidade”.

“As prioridades da Coruña non son unha piscina e unha nova pasarela. O que resulta prioritario é que a Xunta atenda aquelas materias que si son da súa competencia”, remarca.

“Onde está o anuncio do incremento de recursos para a atención sanitaria primaria ou para os centros de ensino públicos?”, pregúntase Jorquera. “O que espera a cidade da Xunta é un aumento significativo da oferta de vivenda pública e a construción de residencias públicas para as persoas maiores”, resalta.

“Con Feixoo á fronte, a Xunta nunca foi un aliado da cidade. Está claro que tampouco o vai ser no epílogo da súa presidencia”, conclúe.

 

 

 

Jorquera ironiza sobre o Consello da Xunta na Coruña: "Feixoo parece ofrecerse tamén como candidato á Alcaldía"