Queixas arrinca o compromiso de Patrimonio de revisar a restauración do cruceiro de Carracedo

Foto_Mercedes_Queixas_18_11_22
Queixas, durante o debate

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural enviará técnicos a revisar se a restauración do cruceiro de Carrecedo (Elviña) se fixo de forma correcta. Así o anunciou a súa titular, María del Carmen Martínez Insua, ao ser interpelada ao respecto pola nosa deputada Mercedes Queixas. Nunha sesión da Comisión de Cultura do Parlamento galego, a parlamentar nacionalista puxo en destaque que a peza, de grande valor patrimonial, foi alterada na súa composición, sendo que as pedras están unidas con cemento á vista e o cruceiro carece de protección na estrada onde se atopa.

Queixas arrinca o compromiso de Patrimonio de revisar a restauración do cruceiro de Carracedo

A portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, denunciou “a falta de sensibilidade” das administracións implicadas no proceso de restauración da peza, cuxo mal estado xa fora advertido pola veciñanza coruñesa o pasado febreiro. A peza, Ben de Interese Cultural (BIC), foi danada no transcurso dunhas obras na praza lindeira onde se atopaba, o que alertou de novo á veciñanza.

A día de hoxe, criticou a deputada nacionalista, despois da restauración aprobada pola Consellería de Cultura “hai bastantes dúbidas de que esta solución final sexa a axeitada, con cemento á vista e sen protección, xa que está ao pé dunha estrada e cruzado por cableado eléctrico”. Ante o cal inquiriu se “a Dirección Xeral de Patrimonio é consciente das desfeitas nas pezas baixo a súa protección ou, o que sería aínda peor, se está conforme coa situación actual do cruceiro de Carracedo”.

Cruceiro de Carracedo San Vicenzo de Elviña
O cruceiro, cercado por valados e co cemento adherido á súa base

Queixas, doutra banda, enxalzou o carácter da veciñanza, cun “alto compromiso en defensa do seu patrimonio”. Foron as veciñas e veciños, loubou, “quenes rescataron dos cascallos o cruceiro da antiga aldea, unha vez demolida, nun admirábel exemplo de iniciativa comunitaria á marxe das institucións”, e o colocou no emprazamento que tivo nas últimas décadas, na praza Emilio Jaspe Deza, en Elviña.

A portavoz de Cultura recriminou a “falta de recursos humanos e escaso orzamento que o Goberno do PP adica ao coidado dos nosos bens patrimoniais máis prezados” e  concluíu emprazando á Consellería de Cultura a revisar o proceso de restauración executado, compromiso aceptado pola Dirección Xeral de Patrimonio.

 

Queixas arrinca o compromiso de Patrimonio de revisar a restauración do cruceiro de Carracedo