A PREGUNTAS DE AVIA VEIRA
O Goberno Local admite erros na aplicación da Ordenanza do Galego
En concreto, o Goberno Local admite que “foi un erro que debe ser corrixido” o feito de que o convite que se lle enviou aos grupos municipais para asistir en Palexco a un acto de celebración co motivo do Día da Policía estivese redactado exclusivamente en castelán. Preguntado por Avia Veira se desta forma se está a dar cumprimento ao disposto na Ordenanza do Galego, desde o gabinete presidido por Inés Rey responden nestes termos: “Por suposto que non. Sempre debería ser en lingua galega”.
Concede tamén o Executivo coruñés que non é unha boa práctica incorrer en formas incorrectas na sinaléctica dos espazos públicos nin tampouco dar menor entidade ao galego cando os rótulos son bilingües. Así acontece no Complexo Deportivo do Castrillón –como o público puido advertir durante as recentes xornadas de portas abertas-, onde o corpo da letra do galego é menor do que o castelán nos sinais escritos nas dúas linguas ou onde se pode ler a voz incorrecta “pabillón” no canto de “pavillón”.
No Complexo Deportivo do Castrillón o galego aparece en letras máis cativas do que o castelán nos rótulos bilingües
O BNG tamén inquiría pola ausencia do galego nos lemas e soportes publicitarios da carreira Enki 2022, un evento que, se ben non é organizado polo Concello, si que ten a Administración local entre os seus principais colaboradores. A este respecto, o Goberno Local indica que “a carreira Enki é de iniciativa privada e está financiada en parte por un convenio nominativo. Neste sentido, o Concello da Coruña inclúe dentro do convenio a obriga de utilizar o logo do propio Concello en todos os elementos publicitarios. Por suposto, en galego”.
O BNG tamén inquiría pola ausencia do galego nos lemas e soportes publicitarios da carreira Enki 2022
O Executivo coruñés manifesta, na mesma liña, que mantén interlocución con “diferentes entidades e empresas organizadoras de evnetos” visando que “vaian introducindo a nosa lingua nas súas creacións, así como nas difusións das mesmas”.
De resto, o BNG xulga como “moi desigual” a aplicación da Ordenanza do Galego e bota de menos a realización de campañas desde o Concello para “animar a xente a falar galego” ou para empregalo “como ferramenta de integración para as persoas que chegan á nosa cidade de fóra de Galiza”.