PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA
Que pensa facer o Goberno Local para pór remedio aos diversos incumprimentos da Ordenanza do Galego?
Incumprimentos como o da empresa que xestiona o servizo de socorrismo nas praias da Coruña e que está a empregar exclusivamente o castelán nos seus avisos non gravados ou como a edición e publicación por parte do Concello dun libro sobre o arquitecto Andrés Fernández Albalat exclusivamente en castelán, cando o artigo 6 da Ordenanza establece que as publicacións municipais, en papel ou formato dixital, realizaranse en galego.
O mesmo caso dáse coa publicación editada polo Concello para promocionar a participación cidadá na elaboración do Plan Director do Barrio das Flores, tamén redactada exclusivamente en castelán.
“Cales son as medidas que vai tomar o Goberno Local para que as campañas e publicacións do Concello da Coruña se axusten ao que establece a Ordenanza desde a súa entrada en vigor?”, inquire Avia Veira o Goberno Local.
Máis incumprimentos: a Ordenanza prescribe (artigo 9) que os membros do Goberno Local e o persoal directivo do Concello “se expresarán normalmente en galego nos actos que tiveren lugar no ámbito lingüístico e nos que interviñeren en virtude do seu cargo”. Pois ben, sinala a concelleira, “temos asistido a algún acto público e sesión plenaria en que algunhas concelleiras/os non cumpriron con este precepto”.
Asemade, na súa recente campaña con motivo do Día Internacional do Orgullo LGBQi+ o topónimo utilizado non foi o único correcto e oficial, “A Coruña”, senón a forma “Coruña”.
“Cal é o motivo de que se empregue o topónimo de maneira incorrecta nesta campaña e como vai evitar o Goberno Local o emprego incorrecto do topónimo logo da entrada en vigor da Ordenanza”, pregunta a edil nacionalista.
De resto, Veira interésase por saber se o Goberno Local ten informado todos os servizos e unidades administrativas do Concello sobre a publicación e entrada en vigor da Ordenanza, un paso obviamente necesario para garantir o seu escrupuloso cumprimento.