UNHA INICIATIVA DE NÉSTOR REGO
Por que si se lle ceden os cárceres a Soria e a Granada de balde e non á Coruña?
Ese é o cerne dunha batería de preguntas que ao respecto vén de rexistrar no Congreso o noso portavoz na Cámara baixa, Néstor Rego.
En Granada e Soria cédense de balde terreos e edificios ao deixaren de prestar servizos penitenciarios e na Coruña apélase a un convenio, asinado por 2005, cando en 2013 se descubriu documentación que demostraba que nos anos 20 Estado e Concello coruñés pactaran que o cárcere, construído sobre terreos municipais, pasaría ao patrimonio da Administración local cando deixase de funcionar como tal.
A través desta iniciativa, Rego pídelle ao Goberno do Estado que negocie co Concello da Coruña “para chegar a un acordo non oneroso para as arcas municipais”, visando que, ademais da cesión gratuíta, a Administración central asuma os custos da restauración e rehabilitación dun edificio que se acha en estado ruinoso por responsabilidade unica e exclusivamente do seu titular, a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios, organismo dependente do Ministerio do Interior.