PREGUNTA ORAL DO NOSO VOCEIRO NO #PLENOXANEIRO DESTE XOVES 12X
Jorquera, sobre as sucesivas crises de goberno en María Pita: "Gobernar con só 8 concelleiros foi unha decisión da alcaldesa"
O candidato nacionalista á Alcaldía denuncia que “a inestabilidade foi a tónica do mandato”, en contraste coas promesas de diálogo e estabilidade coas que chegou Inés Rey a María Pita.
“Xa perdín a conta das crises de goberno que levamos”, di Jorquera. Lembremos: o cesamento de Eva Martínez Acón como concelleira de Emprego, a retirada de competencias a Jesús Celemín como concelleiro de Cultura e a asunción destas por parte da Alcaldía, as mudanzas tamén na dirección da área de Cultura, a renuncia de Juan Manuel Díaz Villoslada como concelleiro de Urbanismo, a remoción do equipo de comunicación do Goberno Municipal ou o relevo no cargo de coordenador xeral do Concello. A isto súmaselle agora a baixa no Goberno Local de Mónica Martínez cuxas competencias pasan á Alcaldía. “Pensa o Goberno Local que as necesidades do deporte na Coruña van estar mellor atendidas atribuíndo tamén as competencias desta área directamente á Alcaldía?”, inquirirá o voceiro nacionalista.
Critica Jorquera que “gobernar con só oito concelleiros é unha decisión da alcaldesa” pois foi ela quen decidiu cesar nas súas funcións a Eva Martínez Acón, naquela altura secretaria xeral da agrupación socialista. “E foi a alcaldesa quen decidiu incorporar ao Goberno Local a Mónica Martínez, despois de que esta abandonase a formación política pola que se presentou ás eleccións. Un nomeamento declarado agora nulo pola Xustiza”, conclúe.