O PXOM de 2013 suprime a estación de ferrocarril de San Diego para construír rañaceos
A Coruña, 24 de xullo de 2014- En relación coa supresión do tráfico de colectores que Renfe prestaba até a o de agora no porto, o Grupo Municipal do BNG pregúntase como é posíbel que o Sr. Negreira diga que a decisión do Ministerio de Fomento de acabar con este servizo é reversíbel cando o Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado polo Partido Popular en 2013, fai desaparecer a estación de ferrocarril de San Diego para construír rañaceos de até 10 plantas.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que para o Sr. Negreira e para o PP a viabilidade do porto non está no desenvolvemento portuario, senón na construción de rañaceos de até 10 plantas que, tal e como recolle o PXOM de 2013, causan a supresión do edificio da estación de San Diego. De feito, a ficha PET R26 (achégase xunto á nota de prensa) sinala que onde se atopa a día de hoxe a estación (Norma Zonal 3.2) haberá edificios de entre 6 a 10 plantas. Curiosamente, esta ficha non menciona para nada as mercadorías.
Deste xeito, demóstrase como o Partido Popular, no canto de apostar polo desenvolvemento portuario e de promover o porto interior como punto de entrada e saída de colectores por camiños de ferro, decántase por fomentar a especulación urbanística. Precisamente, a substitución da estación de San Diego por rañaceos forma parte do pelotazo espectacular do PXOM do PP no porto en beneficio dos promotores e mais da Autoridade Portuaria, pelotazo que xa tiña denunciando en reiteradas ocasións o BNG.