Os prezos dos hortos urbanos impiden garantir que toda a cidadanía poida acceder a eles
A Coruña, 24 de xullo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG manifesta, a falta de coñecer as normas de uso, xestión e acceso ás hortos urbanos de lecer que anunciou hoxe o concelleiro de Medio Ambiente que se levarán para a próxima Xunta de Goberno Local, que os prezos dos hortos urbanos impiden garantir que toda a cidadanía, con independencia da súa capacidade económica, poida acceder a eles. As nacionalistas avogan por que os hortos sexan de balde e, polo tanto non se contemple o pago de ningunha taxa, abertos a toda a cidadanía e xestionados directamente polo concello. Ademais, o BNG denuncia o investimento de 161.500 euros para executar as obras de construción e acondicionamento destes hortos cando existen experiencias, unha delas perto de alí como a da asociación das hortas do val de Feáns, que non requiriron tal gasto.
As nacionalistas salientan que a ordenanza número 43 recolle un custo de 50 euros por cota de inscrición e de 25 euros mensuais pola utilización dos hortos de lecer de titularidade municipal e unha cota social de 0 euros ao mes, mais 50 euros por cota de inscrición (o mesmo importe por este concepto que na tarifa xeral). Esta cota social, tal e como recollen as ordenanzas, será de aplicación a aquelas persoas que, empadroadas no municipio da Coruña, acrediten uns ingresos anuais inferiores ao 75% do IPREM e exclusivamente para o número de hortas que, do total, se destinen a estas tarifas (nunca inferior a un 20% do total).
O IPREM está fixado en 2014 en 7.455,14 euros ao ano no caso de ter 14 pagas ou en 6.390,13 euros ao ano no caso de ter 12 pagas. Isto significa, segundo o BNG, que para acceder ao cultivo dun horto as persoas deberían cobrar menos de 5.591,35 euros no caso de ter 14 pagas ou 4.792,59 no caso de ter 12 pagas. As nacionalistas sinalan ao respecto de que as persoas que teñen estes ingresos anuais non poden permitirse pagar 50 euros para se incribiren nos hortos.