O proxecto de Copasa para o Parrote nada ten a ver co inicialmente presentado
A Coruña, 28 de setembro de 2012.- A Xunta de Goberno Local que tivo lugar esta mañá acordou conceder as licenzas solicitadas por Copasa para o proxecto do Parrote, logo de que esta tivese que cambiar en numerosas ocasións o proxecto da súa solicitude de licenza, evidenciándose con isto, que o BNG tiña razón cando afirmaba que o proxecto de Copasa non se axustaba á legalidade.
A pesar de ser numerosos e substanciais os cambios introducidos no proxecto presentado inicialmente por Copasa na súa solicitude, o Goberno municipal, no lugar de someter de novo ao trámite de exposición pública, segue para adiante co seu serial de chapuzas e concede as licenzas pero sen indicar, en ningún momento, o prazo de execución das obras, nin de comezo nin de finalización, a pesar de ser preceptivo por lei que ditos prazos consten expresamente no acto de outorgamento da licenza.
Entre os numerosos e trascendentais cambios introducidos figura a nova reordenación do viario para os accesos ao aparcadoiro que ocupaba parcialmente os xardíns da Mariña, cualificados polo planeamento vixente como espazo libre público, tal e como denunciaba o BNG nas súas alegacións presentadas. Ocupación de zona verde que denunciaba o BNG e que foi confirmada polo arquitecto municipal en informe de 22 de agosto de 2012 ("a reorganización do tráfico na superficie na fronte da Mariña si que invade a zona verde calificada no PEPRI vixente, nunha franxa de, aproximadamente, 4,50 de longo por 130m. de longo... Polo tanto, á vista do anterior, considérase que as actuacións de urbanización cara á reorganización do tráfico en superficie proposta na fronte da Mariña, que afectan á zona verde, son incompatíbeis coas determinacións do planeamento vixente de aplicación"), e que figura no propio informe proposta aprobado hoxe en Xunta de Goberno Local ("se indica en el informe que las actuaciones proyectadas para la urbanización y reordenación del tráfico en el frente de la Marina afectan a la zona verde incluida en la relación de espacios urbanos sometidos a protección y, en consecuencia, resultan incompatibles con el ordenamiento vigente"). Precisamente por isto, con data de 31 de agosto de 2012, preséntase novo proxecto con planos relativos ao acceso do vial subterráneo que substitúen os anteriores.
E son, nomeadamente, trascendentais os cambios que esixiu a Dirección Xeral de Patrimonio en relación co proxecto. Até tal punto que a proposta de acordo da Xunta de Goberno Local aprobada hoxe recoñece literalmente no seu punto tres que houbo cambios relativos ao acceso do viario subterráneo na zona da Mariña que determinan a presentación de nova documentación, sinaladamente planos, que veñen a substituír aos do proxecto presentado que se consideran "anulados". E o mesmo sucede no punto catro da proposta de acordo, indicando que hai novos planos que substitúen os anteriores, "que se entenden anulados aos efectos desta licenza".
Lonxe de someter de novo o proxecto ao trámite de exposición pública, o Goberno municipal aproba as concesións das licenzas sen fixar prazo de execución das obras do edificio comercial e fixando erróneamente o prazo das do aparcadoiro en seis meses.
Todos estes cambios poñen de manifesto que o proxecto presentado por Copasa, que non conta con planeamento urbanístico de cobertura, non había por onde collelo, que estaba cheo de chapuzas e de ilegalidades, todas elas determinantes de que o que hoxe aprobou a Xunta de Goberno Local é moi diferente ao solicitado por Copasa, razón pola que o Goberno municipal, no lugar de aprobar, debería someter de novo ao trámite de exposición pública este proxecto, dados todos os cambios substanciais que se rexistran.
O goberno municipal non só non somete ao trámite de exposición pública, senón que aproba sen marcar prazos a execución das obras (caso do edificio comercial) ou fixando un prazo erróneo de seis meses para o aparcadoiro soterrado. Unha chapuza máis no seu serial de despropósitos que trae causa do feito de que o Goberno Municipal concede as licenzas, a pesar de que a Dirección Xeral de Patrimonio di que as "obras non poderán iniciarse ate que o proxecto de control arqueolóxico das obras que foi presentado en data do 27.07.2012 sexa autorizado".