ORZAMENTOS XUNTA 2018
Propostas reais para ser incorporadas aos orzamentos da Xunta 2018
Achegamos ao documento “A Coruña nos orzamentos da Xunta para o 2018” propostas de investimentos en educación, servizos sociais, infraestruturas e a Ría do Burgo
Tamén trasladaremos á Xunta de Portavoces o debate sobre o Consorcio da fachada marítima e a necesaria implicación da Xunta sempre que sexa asumida a devolución gratuíta á cidade dos terreos portuarios que hoxe son obxecto de especulación
Levamos anos denunciando o desleixo da Xunta nas súas propostas de orzamentos, a respecto da nosa cidade: non atenden as principais necesidades das coruñesas e dos coruñeses, esquecen constantemente investimentos necesarios e provocan o deterioro progresivo dos servizos básicos en sanidade, educación ou servizos sociais. Cómpre esixir o remate xa desta discriminación
Vimos de facer públicas as nosas achegas ao documento “A Coruña nos orzamentos da Xunta para o 2018” que será debatido en Xunta de Portavoces, e que se quere presentar ante a Xunta de Galiza como denuncia do “nulo compromiso da Administración autonómica co progreso na Coruña”.
Deste xeito, xa avanzamos, entre outras, as nosas aportacións a este documento a respecto de educación, na que demandamos actuacións en materia de accesibilidade nos CEIP Anxo da Garda e Emilia Pardo Bazán (do que este último xa temos presentado varias iniciativas no Parlamento de Galiza), obras de reparación e mantemento no CEIP Salgado Torres, ou mesmo a proposta de construción dunha nova Escola Infantil no noso municipio que complemente a oferta existente que realiza o Concello e que atenda á demanda de prazas públicas que non poden chegar a ser cubertas.
Tamén demandamos que se inclúan no documento compromisos a respecto dos servizos sociais na cidade: como a provisión dos orzamentos necesarios para a construción e dotación, tanto material como de persoal dun Centro de Día de atención a persoas maiores no municipio así como a rehabilitación das instalacións da Xunta de Galiza que hoxe en día non se utilizan no Centro de Asistencia y Educación Especial de Enfermos Psíquicos Santiago Apóstolo para a incorporación de novos servizos.
Por outra banda, tamén queremos introducir neste documento, que debateremos todos os grupos municipais, achegas a respecto da Ría do Burgo.
Sempre demandamos e esiximos un compromiso firme para coa ría do Burgo: tanto para un Plan integral para a súa rexeneración, para axudas e promoción para a recuperación da actividade e para convenios que cubran as paradas por toxinas, contaminacións ou outras incidencias. E o Concello da Coruña debe tamén amosar o seu compromiso inequívoco para coa nosa Ría, polo que cremos máis que necesario que se reclamen partidas para isto.
Por último, tamén anunciamos que trasladaremos á Xunta de Portavoces o debate sobre o Consorcio da fachada marítima e a necesaria implicación da Xunta sempre que sexa asumida a devolución gratuíta á cidade dos terreos portuarios que hoxe son obxecto de especulación.
E é que cremos que a transformación da fachada marítima, co obxecto de recuperala ao espazo urbano da cidade, debe contar tamén coa participación da Xunta de Galiza sempre e cando se entenda que non se debe pagar por recuperar os espazos, tanto por aqueles que deben ser desafectados como os que están en réxime de concesión na actualidade.
Levamos anos denunciando o desleixo da Xunta nas súas propostas de orzamentos, a respecto da nosa cidade: non atenden as principais necesidades das coruñesas e dos coruñeses, esquecen constantemente investimentos necesarios e provocan o deterioro progresivo dos servizos básicos en sanidade, educación ou servizos sociais. Cómpre esixir o remate xa desta discriminación.
A Coruña, 13 de novembro de 2017.
Artigos relacionados: