O PP resolve o "misterio da Santísima Trindade": non eran tres escolas, era tan só unha

O PP resolve o "misterio da Santísima Trindade": non eran tres escolas, era tan só unha

A Coruña, 23 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que por fin se resolveu o “misterio da Santísima Trindade” que mantiña en secreto o Partido Popular en relación ás tres escolas municipais infantís prometidas para o 2015 na cidade da Coruña: de tres escolas infantís municipais tan só construirá unha. De feito, existe documentación oficial (que se achega) en que se aludía a estas tres escolas de forma diferenciada: a documentación que foi a pleno cando se aprobou o estudo de detalle da escola da Sardiñeira e mais o cambio de usos da parcela, o BOE de 4 de febreiro de 2011 que anunciaba a construción dunha escola infantil na Coruña ao abeiro do Plan Educa3 (tamén alude a esta escola o BOE de 6 de febreiro de 2012, que se achega) e mais o convenio marco de 26 de marzo de 2012 entre a Fundación Amancio Ortega e a Consellaría de Benestar.

O Grupo Municipal do BNG advirte de que non está falando das oito escolas infantís recollidas no programa electoral co que o Sr. Negreira se postulou á Alcaldía nin das súas presentacións (cos famosos power point) sobre a ampliación das escolas dos Rosales e de Novo Mesoiro, senón que alude a tres escolas recollidas en documentación oficial (en documentación municipal que foi a pleno, no BOE e nun convenio entre a Xunta e a Fundación Amancio Ortega).

Para o Grupo Municipal do BNG trátase dun enredo interesado por parte do Partido Popular para enganar a cidadanía facéndolle crer que habería tres novas escolas infantís en 2015 cando só vai haber unha, a da escola da Fundación Amancio Ortega na Sardiñeira que se integrará na rede de escolas infantís da Consellaría de Benestar. Lembra o Bloque que até o de agora o Goberno do Sr. Negreira falaba da suposta escola infantil municipal da Sardiñeira e da escola da Fundación Amancio Ortega coma se se tratase de dous centros diferenciados cando, como finalmente se demostrou, se trataba dunha mesma escola.

O mesmo número de prazas nas escolas infantís municipais

Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a exixirlle á Xunta de Galiza e ao Goberno central que se constrúa a escola infantil recollida no BOE de 4 de febreiro de 2011 e á que aínda aludía o boletín un ano despois, o 6 de febreiro de 2012. As nacionalistas realizan esta petición tendo en conta que máis de 1.000 nenos e nenas quedaron sen praza este ano nas escolas infantil e tendo en conta que o número de prazas nas escolas municipais é o mesmo que o ano pasado, agás no caso da escola infantil Carmen Cervigón, un centro privado de Padre Rubinos que pasa á rede pública.

 

ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS PRAZAS 2013/2014 PRAZAS 2014/2015

A CARACOLA                                                82                           82

ARELA                                                         115                          115

CARRICANTA                                               115                          115

OS ROSALES                                                123                          123

LUIS SEOANE                                                87                           87

MONTE ALTO                                                41                            41

OS CATIVOS                                                  87                           87

CARMEN CERVIGÓN                                      (41)                          95

TOTAL (*)                                                                                   745

 

(*) Aínda en construción á única EI que inaugurará este goberno, a da Agra que probabelmente abrirá en xaneiro de 2015.

 

O PP resolve o "misterio da Santísima Trindade": non eran tres escolas, era tan só unha