Preguntas orais: intervención de Albada, contaminación nos Castros e música ambiental nos bares
A Coruña, 6 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG preguntaralle ao Goberno do Sr. Negreira no Pleno ordinario de outubro, que terá lugar o martes, cales son as razóns que polas que non quere intervir a concesión de Albada na planta de Nostián. As nacionalistas propuxéranlle ao Goberno municipal que o Concello interviñese ou secuestrase a concesión para explotar directa e temporalmente a planta por conta económica de Albada. Deste xeito, garantiríase a normal prestación do servizo público de tratamento do lixo. Lembran que a veciñanza está a pagar por un servizo, o da reciclaxe, que non está a recibir.
O Grupo Municipal do BNG xa lle advertira ao Goberno do Sr. Negreira que intervir a concesión de Albada sería o menos prexudicial para o Concello. De aí que as nacionalistas queiran que o Goberno municipal lle explique á veciñanza da Coruña, principal prexudicada, os motivos polos que non quere intervir a concesión. En máis dunha ocasión, o BNG criticou a conivencia e submisión do Goberno do Sr. Negreira con esta concesionaria municipal que pertence ao Grupo Urbaser (de Florentino Pérez).
Contaminación no barrio dos Castros
Ademais, o Goberno municipal terá que responder que ten pensado facer para evitar a emisión de partículas en suspensión, derivadas das actividades do porto, no barrio dos Castros. Precisamente, a finais de setembro, o Grupo Municipal do BNG denunciaba publicamente que as partículas en suspensión P10 superaban os 200 ug/m3 segundo os datos oficiais da web da Autoridade Portuaria. Dous días máis tarde de se rexistraren estes datos, as cifras das horas máis críticas desaparecían do portal da entidade presidida por Enrique Losada. Lembran as nacionalistas que o real decreto 102/2011 estabelece que non poderán superarse os 50 ug/m3 en máis de 35 ocasións por ano.
A contaminación que desprende o porto é unha das cuestións que máis lle preocupa á veciñanza do barrio, que se ten posto en contacto co BNG para dar a coñecer os problemas respiratorios que padecen, nomeadamente, rapazas e rapaces e doentes crónicas. A AVV Oza- A Gaiteira-Os Castros está a canalizar as protestas da veciñanza e lamenta que o Goberno do Sr. Negreira favoreza o interese económico da Autoridade Portuaria por riba do interese xeral.
Para cando a música ambiental nos bares?
Ademais, o Grupo Municipal do BNG preguntaralle ao Goberno do Sr. Negreira cando ten pensado regular a música ambiental nos bares, unha demanda da hostalaría recollida non só no programa electoral das nacionalistas, senón tamén do Partido Popular. Precisamente, en agosto de 2011 o Goberno municipal anunciou que modificaría a normativa. Máis de 2 anos despois, o colectivo de hostaleiras seguen a padecer unha ordenanza moi arbitraria e discrecional. Non é a primeira vez que o BNG formula esta pregunta en Pleno. Xa o fixo en febreiro de 2013 e mesmo presentou no mes de xullo, a instancias das hostaleiras, unha moción que o PP tombou.
O Grupo Municipal do BNG quere que o Goberno do Sr. Negreira permita a música ambiental nos estabelecementos hostaleiros do grupo 1 (bares, tabernas, café-bares, cafetarías, bodegóns, mesóns, parrilladas, xamonarías e restaurantes) preservando o os dereitos de intimidade e descanso da veciñanza, evitando deste xeito a inseguridade xurídica de moitas hostaleiras e hostaleiros que vén como nuns lugares se pode pór música ambiental e noutros non.