Alleo á crise, o PP gasta no aluguer das carrozas de reis 92.000, un 20% máis que o ano pasado
A Coruña, 10 de outubro 2013. O Grupo Municipal do BNG advirte de que o Goberno do Sr. Negreira sacou hoxe a licitación o aluguer das carrozas da cabalgata de reis de 2014 por 91.960 euros, é dicir, por 26.960 euros máis que as carrozas de 2013. O ano pasado, lembran as nacionalistas, o Goberno municipal licitou as carrozas en 65.000 euros. E iso, a pesar de que o número de carrozas a alugar este ano é 7, a mesma cantidade que o pasado ano.
Á vista destas cifras, semella que o Sr. Negreira vive completamente alleo á crise. Malia que a situación económica empeorou, o Goberno do Sr. Negreira encareceu o aluguer das carrozas para a cabalgata de reis nun 160% respecto do anterior Goberno, que licitou os alugueres por 35.000 euros.
O Grupo Municipal do BNG pediralle explicacións ao Goberno municipal polo incremento do custe de licitación do aluguer das carrozas nun momento en que a veciñanza ve diminuído o seu poder adquisitivo como consecuencia das políticas aplicadas polo Partido Popular. As nacionalistas consideran un disparate que o PP, en aras da súa austeridade (sempre selectiva) recorte en cuestións tan vitais como a dependencia, medicamentos hospitalarios, pensións ou bolsas para estudantado á vez que destina máis recursos para a cabalgata de nadal. Non entenden as nacionalistas como o Goberno municipal vén de aprobar inicialmente as ordenanzas fiscais que certifican un aumento de impostos mentres licita por máis do 40% respecto do ano pasado o aluguer das carrozas.
Por último, o Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno municipal un cambio nas súas prioridades e, dado que o PP prefire gastar en espectáculos circenses que en benestar, pídenlle máis pan para a veciñanza e menos circo.