Preguntamos pola desaparición dos cursos de educación afectivo-sexual do programa A Coruña Educa 2020-2021

Avia Veira, en rolda de prensa. 13 de novembro de 2020.
Avia Veira, en rolda de prensa
A falta de dilixencia administrativa do Goberno Local, ao non licitar a tempo un novo contrato após caducar o anterior, é a causa da desaparición neste exercicio académico 2020-2021 dos cursos de educación afectivo sexual que se viñan impartindo dentro do programa A Coruña Educa.
Preguntamos pola desaparición dos cursos de educación afectivo-sexual do programa A Coruña Educa 2020-2021

A falta de dilixencia administrativa do Goberno Local, ao non licitar a tempo un novo contrato após caducar o anterior, é a causa da desaparición neste exercicio académico 2020-2021 dos cursos de educación afectivo sexual que se viñan impartindo dentro do programa A Coruña Educa.

Así o denuncia nunha pregunta por escrito ao Goberno Local a concelleira do BNG, Avia Veira.

“Se a causa da desaparición destes cursos é que se chegou á conclusión dun contrato administrativo, o lóxico tería sido que o Goberno Local tivese feito unha nova licitación e que o tivese feito en tempo e forma. Non pode ser que paguen as alumnas e os alumnos a falta de previsión e de planificación do Goberno Local”, avalía Avia Veira.

Para o BNG, a desaparición destes cursos é un feito moi grave. “Sabemos por estudos sociolóxicos que a rapazada hoxe está moi exposta á pornografía, a consumir contidos tóxicos marcados polo machismo e pola violencia contra as mulleres. Por iso é tan importante ofrecermos cursos que formen as rapazas e os rapaces en valores de igualdade e feminismo”, di Veira.

O ensino é transversal e, por tanto, chega a todo o mundo. “En moitos fogares as nenas e os nenos reciben unha educación feminista, mais noutros moitos, non. Noutros moitos continúan a se reproducir os roles e os estereotipos machistas e patriarcais e a formación en materia afectivo-sexual brilla pola súa ausencia ao ser considerada unha especie de tabú. Por iso é tan importante levar estes cursos á escola”, remarca Avia Veira.

"Sabemos por estudos sociolóxicos que a rapazada hoxe está moi exposta á pornografía, a consumir contidos tóxicos marcados polo machismo e pola violencia contra as mulleres. Por iso estes cursos son tan importantes"

“É moi grave esta situación. Queremos que volvan estes cursos canto antes ao programa A Coruña Educa”, subliña a concelleira, quen interpela o Goberno Local sobre as razóns que o levaron a non prever a tempo a cobertura deste servizo cunha nova licitación, cun novo contrato que incluíse tamén a posibilidade de se impartir a formación en liña.

OBRADOIROS DE IGUALDADE

Alerta aínda Avia Veira sobre o feito de que a través da Concellaría de Educación si se están a impartir obradoiros de igualdade “nalgúns centros”. Mais sobre este particular –do que o BNG tivo coñecemento a través das redes sociais da consultora Transversal- non se sabe “nin por medio de que forma administrativa se están a ofrecer eses cursos” nin “por que importe”.

A este respeito, Veira insta o Goberno Local a que explique “a través de que tipo de contratación está a dar a Consultora de Igualdade Transversal estes obradoiros” e a que diga cando foi adxudicado o contrato, cal é o seu custo para o Concello e onde foi publicado.

De resto, expresa a súa preocupación a concelleira nacionalista por saber que formación en igualdade teñen as persoas que están a impartir estes obradoiros. 

Preguntamos pola desaparición dos cursos de educación afectivo-sexual do programa A Coruña Educa 2020-2021