PREGUNTA ORAL DE FRANCISCO JORQUERA NO PLENO DO 3D

Que xestións fixo a alcaldesa para A Coruña recibir un trato xusto nos orzamentos do Estado e galegos?

20201126_124900
Jorquera, na oficina do BNG en María Pita
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, considera que a cidade recibe un “maltrato” quer nos orzamentos do Estado quer nos galegos e, nese sentido, vaille preguntar ao Goberno Local, no pleno do vindeiro xoves 3 de decembro, que xestións fixo a alcaldesa perante Madrid e a Xunta para que as demandas da cidade fosen atendidas.
Que xestións fixo a alcaldesa para A Coruña recibir un trato xusto nos orzamentos do Estado e galegos?

“Cando tomou posesión, a alcaldesa presumiu da súa capacidade de interlocución coas outras administracións públicas, gabouse de que ía ter fío directo para defender os intereses da cidade”, relata Jorquera. Á vista do maltrato inflixido á Coruña nos orzamentos do Estado e galegos, está claro que esa suposta capacidade de interlocución non ten resultado en nada positivo. “Non abonda con facer declaracións retóricas. As cidadás e os cidadáns queren feitos. Queren saber que xestións ten feito a alcaldesa. Queren saber, por exemplo, se solicitou entrevistas con Feixoo ou con Pedro Sánchez”, subliña Jorquera.

O certo é que nos orzamentos do Estado demandas básicas da Coruña como a condonación da débeda contraída polo porto pola construción da dársena exterior ou o enlace ferroviario con Punta Langosteira non teñen sido atendidos polo Goberno de Pedro Sánchez.

E canto ás contas galegas, salienta Jorquera que a Xunta só vai investir na cidade 47 millóns de euros, apenas 1,8% dos investimentos territorializados no conxunto do país (que ascenden a por volta de 2.500). “Dito doutro xeito, virán para a nosa cidade menos da cuarta parte do que en xustiza nos corresponde”, remarca o voceiro nacionalista.

 

Que xestións fixo a alcaldesa para A Coruña recibir un trato xusto nos orzamentos do Estado e galegos?