O PP renuncia a anular o expediente de sanción @s emigrantes retornad@s
A Coruña, 8 de outubro de 2013.- O Partido Popular opúxose á moción presentada en Pleno polo BNG sobre os emigrantes retornados, unha moción na que as nacionalistas reclamaban a anulación dos expedientes sancionadores e mais dos requirimentos relativos aos anos 2008, 2009, 2010, 2011 e 2012. Minutos antes de dar comezo o Pleno, o PP rexistraba a súa propia moción, unha iniciativa que, semanas antes, recibira luz verde por parte de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galiza.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG puxo de manifesto que a moción das nacionalistas vai un paso máis alá do aprobado polo Parlamento, ao entender que cómpre avanzar para resolver este conflito. Afirmou Carril que desde que se aprobou no Parlamento esta iniciativa (10.09.2013) ademais de non mudar nada, déronse declaracións posteriores, como a do ministro Montoro, en que lles chama defraudadores ás persoas afectadas. Por iso, a nosa moción vai máis alá e pedimos a anulación dos expedientes, salientou Carril, quen insistiu en que existía un total descoñecemento da obriga de facer a declaración anual. A proba é que os estados pagadores nunca lles expediron ningunha certificación en relación á cantidade percibida, expuxo.
Carril, que comparou a situación dos emigrantes retornados á situación dos evasores fiscais que se benefician de amnistías, sinalou que até hai poucos meses, os expedientes sancionadores referíanse ao 2008 e permitían a presentación en período voluntario das declaracións de 2009, 2010, 2011 e 2012. Porén, recentemente, déronse casos de persoas que reciciron expedientes que inclúen todos os exercicios, apuntou. Isto complica de xeito moi relevante a súa situación, advertiu.
O portavoz nacionalista salientou que a única saída é que o Goberno central anule todos os expedientes sancionadores e que inicie unha campaña para informar as persoas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, obviando os exercicios de entre o 2008 ao 2012. É o único xeito razoábel e xusto, tendo en conta a inexistencia de información e a ausencia de responsabilidade e, polo tanto, de vontade de fraude, engadiu.
Precisamente, a moción do BNG reclamaba anular estes expedientes e os requirimentos relativos aos exercicios comprendidos entre 2008 e 2012, o inicio dunha campaña de información, a revisión de convenios marco con outros países para evitar que situacións semellantes se repitan no futuro e mecanismos para que a Xunta de Galiza colaborase co Concello na prestación de asesoramento ás persoas afectadas que o precisaren.
O PP impide debater a moción sobre a ría do Burgo e a moción para preservar o patrimonio artístico de Caixanova e de Caixa Galicia
Pola outra banda, o PP impediu o debate das outras dúas mocións presentadas polo BNG. Así, o Partido Popular puxo de manifesto o seu desprezo pola ría do Burgo e decidiu tombar a proposta do BNG para que os orzamentos do Estado recollesen unha partida específica para a rexeneración da ría do Burgo de, cando menos, 3 millóns de euros. A iniciativa, elaborada a instancias da Confraría de Pescadores da Coruña e da Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo, tamén reivindicaba un calendario de actuacións, con prazos reais, fixado no BOE e no DOG, para o inicio do plan de rexeneración da ría, así como o seu dragado, tratamento e limpeza de lodos e todas as accións precisas para o seu saneamento integral.
O PP tamén tombou a moción na que o BNG reclamaba preservar o patrimonio artístico de Caixanova e de Caixa Galicia. Para iso, as nacionalistas emprazaban a Xunta de Galiza a lle solicitar ao Goberno central a transferencia dos fondos artísticos que forman parte de Novagalicia Banco.