DEBATE NO PARLAMENTO GALEGO
PP e PSOE unen os seus votos para tombar a iniciativa do BNG sobre As Percebeiras
A deputada Alexandra Fernández criticou con dureza a posición das outras dúas forzas da Cámara galega ao acelerar a tramitación dun plan que, segundo recalcou, “corresponde á peor cultura do pelotazo urbanístico”. “Pedimos que o Goberno galego faga valer o seu papel de velar polas garantías ambientais desta actuación”, subliñou após advertir que “non se pode permitir que a intervención se faga a golpe de presións dunha empresa promotora”.
“É un auténtico escándalo que en 2017 se presentara un proxecto substancialmente igual que o que se presenta agora e naquel momento a Xunta non lle dese o visto bon e, tres anos despois, decida despachalo misteriosamente pola vía exprés”, reprochou, para cuestionar a continuación polos motivos do Executivo galego á hora de “darlle unha patada” ás alegacións que presentaron 46 colectivos da cidade solicitando que se faga un estudo completo do impacto do plan.
Alexandra Fernández recriminou ao Goberno de Feixoo que se “volvese cego” ante o impacto ambiental, paisaxístico e urbano do proxecto, ante as demandas e necesidades da veciñanza e, “o máis grave”, ante o incumprimento no plan da principal lexislación galega en materia de urbanismo, ordenación do territorio e paisaxe. Neste sentido, advertiu que se incumpren claramente os prazos marcados polo PXOM, dado que tras sete anos dende a súa aprobación, o desenvolvemento urbanístico proposto nas Percebeiras “atópase fóra do prazo máximo establecido”.
Alexandra Fernández recriminou ao Goberno de Feixoo que se “volvese cego” ante o impacto ambiental, paisaxístico e urbano do proxecto
Após subliñar que, ademais, a transformación do solo para a construción de 371 vivendas no se axusta á demanda de vivenda da cidade, a deputada nacionalista denunciou tamén que o PE M-18 supón unha infracción das normas de aplicación directa. “A ordenación proposta, pola súa situación, masa e altura dos edificios supón un grande impacto paisaxístico que incumpre claramente cos criterios establecidos na lexislación urbanística galega con prevalencia sobre o planeamento”, explicou, para engadir que o plan entra en contradición tanto coa Lei do Solo como coas directrices de ordenación do territorio para a protección da paisaxe aberta.
Fernández cuestionou tamén con dureza como se vai avaliar o impacto paisaxístico do plan. “Para lle dar cumprimento ás Normas de Aplicación Directas sería precisa unha avaliación do impacto paisaxístico que non pode realizarse mediante o actual Documento Ambiental Estratéxico (DAE) en trámite por non conter un estudo do impacto e integración paisaxística ao non ser requirido no procedemento de avaliación simplificada”, explicou para concluír: “como van avaliar o impacto paisaxístico se non hai informe de impacto paisaxístico no DAE presentado?”.