ENCONTRO NO LOCAL DA CONFRARÍA DE PESCADORES, NO PORTO DE OZA

BNG e mariscadoras envían nova información á UE sobre o retraso inxustificado no saneamento da Ría

IMG-20201218-WA0004
O BNG e a Confraría de Pescadores da Coruña, na que se integran as agrupación de mariscadoras e mariscadores, trasladaron á Comisión Europea os novos retrasos sobre o saneamento integral da Ría do Burgo, xa que o proxecto de rexeneración deste espazo aínda non está publicado no BOE. Esta información incorpórase á denuncia aberta na Comisión de Peticións presentada pola Confraría da Coruña en 2012 e despois de que unha misión de investigación integrada por eurodeputadas e eurodeputados viaxou á Ría do Burgo para coñecer in situ o grao de contaminación existente e a cantidade de lodos acumulados durante anos.
BNG e mariscadoras envían nova información á UE sobre o retraso inxustificado no saneamento da Ría

“Estamos diante dun despropósito: tras anos de desleixo de PP e PSOE hai acordo das administracións, hai fondos, -que maioritariamente proceden da Unión Europea-, máis o goberno central non licita o proxecto”, denuncia a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, quen xunto a deputada no Parlamento galego, Mercedes Queixas, e o portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, mantivo un encontro co sector afectado. No encontro cos medios tomou tamén a palabra Manuel Baldomir, portavoz das e dos mariscadores. Para o BNG, resulta prioritario acometer o saneamento integral da ría, sendo que a contaminación acumulada ten graves consecuencias medioambientais e laborais no sector da pesca e o marisqueo, pois na actualidade son menos de 100 mariscadores e mariscadoras as que realizan actividades extractivas, fronte aos 2.600 que había hai anos.

“No BNG consideramos imprescindíbel que se licite xa o proxecto e que cos fondos europeos existentes se financie o parón da actividade”, salientou Miranda, quen lembrou que o estudo de impacto ambiental do proxecto “Dragaxe ambiental dos sedimentos da Ría do Burgo”, -publicado en 2017-, ten unha vixencia de cinco anos, mentres que, para a licitación, a vixencia dos fondos europeos previstos para cofinanciar o proxecto remata en 2021. “Non se pode correr o risco de perder os fondos europeos para un proxecto tan necesario como a rexeneración da ría”, subliñou.

Falta de transparencia e “ninguneo”

Xunto a estas consideracións, a Confraría de Pescadores de Coruña traslada ao Parlamento Europeo a “falta de transparencia e ninguneo por parte das administracións”, -tanto por parte do goberno estatal como da Xunta de Galiza-, posto que tras varias solicitudes de reunións en ningún momento foron convocados para explicarlles en que punto está o proceso de contratación. Asemade, denuncian que non foron convocado a ningunha reunión para concretar como lles afectará o proceso a súa situación laboral, en tanto que os colectivos de mariscadores a pé e á boia vense obrigados a deixar de faenar e a percibir os ingresos correspondentes.

Ana Miranda alerta da perda dos fondos europeos en 2021 se este proxecto “tan necesario” non se licita xa

No informe da visita do Parlamento Europeo de 2013 xa se advertía que “é necesario investir en recursos humanos e financeiros porque a economía baseada no marisqueo está ameazada”, polo que para o BNG resulta “impresentábel” que sete anos despois da visita non estean feitas as obras. Por iso o Patrón Maior da Confraría, Felipe Canosa, pide que a petición aberta en Bruxelas non se peche mentres non estean as obras realizadas e o sector marisqueiro non cobre as axudas de compensación que xa reclamara a Eurocámara en 2013.

“Resulta inadmisíbel o nulo compromiso da Consellería do Mar coa recuperación da Ría do Burgo para as traballadoras do mar e para o conxunto da sociedade”, destaca Mercedes Queixas, quen considera un “desprezo absoluto” o voto en contra do PP á proposta do BNG no Parlamento galego que instaba a Xunta de Galiza a asumir as necesarias compensacións económicas para as mariscadoras e mariscadores durante os algo máis de dous anos en que non poderán traballar na ría por causa das obras.

Mercedes Queixas considera un “desprezo absoluto” o voto en contra do PP á proposta de que a Xunta asuma as axudas polo paro da actividade

Segundo criticou a deputada nacionalista, “a Xunta está a penalizar os traballadores da ría neste ano”. Así apunta que primeiro a pandemia obrigounos a parar a súa actividade e agora a Xunta, máxima responsábel e con competencias plenas en pesca e marisqueo, “négalles un digno auxilio económico que compense un longo tempo de inactividade obrigada”.

Por outro lado, a portavoz do Bloque en Europa denunciou as pésimas condicións de traballo dos mariscadores e mariscadoras, e considera que as instalacións que empregan poderían mellorarse substancialmente mediante os fondos FEDER e FEMP. “Ademais de perderse moitos postos de traballo na Ría nestes anos, traballan en condicións do século XIX”, denunciou Miranda.

 

BNG e mariscadoras envían nova información á UE sobre o retraso inxustificado no saneamento da Ría