O PP négase a permitir a música ambiental nos bares e a declarar festivo o San Xoán
A Coruña, 11 de xullo de 2013.- O Partido Popular impediu o debate das tres mocións presentadas polo Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego neste Pleno ordinario de xullo, sobre a música ambiental nos bares, sobre o San Xoán festivo e sobre a sanción ao bombeiro que non actuou no intento de desafiuzamento da Sra. Aurelia Rei. Deste xeito, o Goberno municipal négase a modificar a ordenanza municipal medio ambiental reguladora de emisión e recepción de ruídos e vibracións que impide a música ambiental nos locais de hostalaría do grupo 1 (bares, tabernas, café-bares, cafetarías, bodegóns, mesóns, parrilladas, xamonarías e restaurantes). As nacionalistas reclamaban na moción, a instancias de hostaleiras da cidade, permitir a música ambiental nos locais do grupo 1, sempre dentro dos límites de ruído e de horarios, tal e como acontece no resto de Galiza e tal e como recollera o BNG no programa co que concorreu ás eleccións municipais.
Tamén rexeita o Partido Popular declarar o 24 de xullo, San Xoán, festivo, en substitución do Día do Rosario, dado o enraizamento da festa do solsticio de verán na nosa cidade. As nacionalistas, que xa levaban esta proposta no programa electoral, reclamaban unha solución permanente e non puntual para que o 24 de xuño sexa, a partir de agora, festivo local, tal e como defende a gran maioría da cidade. E é que o San Xoán, festa de carácter pagán, galego e de barrios, goza dun alto nivel de implantación ao longo da Coruña.
Ademais, o Goberno municipal demostrou que ve con bos ollos a sanción da Subdelegación do Goberno ao bombeiro que se negou a actuar no intento de desafiuzamento da octoxenaria Aurelia Rei. E é que a moción do BNG que nin sequera permitiu debater pedía o rexeitamento do Pleno da Corporación a esta multa e o apoio e solidariedade con este empregado público. Ademais, as nacionalistas solicitaban que o Pleno asumise como propia a súa actuación e o máis absoluto rexeitamento contra a actitude do subdelegado do Goberno que, mediante unha esaxeración do feito de exhibir un papel, construíu unha sanción totalmente innecesaria, desmedida e inxusta, que pretende acabar coa liberdade de expresión a base de multas máis propias doutros tempos.
Esta moción tombada polo PP súmase á moción presentada polo BNG para que o servizo de extinción de incendios e salvamentos do Concello non intervise nin en embargos nin en desafiuzamentos. De feito, o manual de funcións da Relación de Postos de Traballo (RPT) non só non contempla como tarefa propia do corpo de bombeiros a de franquear o acceso nos desafiuzamentos senón que se fai mención expresa a que as urxencias que se atendan non poden ter a condición de urxencias policiais. Así o lembrou a concelleira Ermitas Valencia no debate da aprobación inicial de imposicións e ordenación de Contribucións especiais pola ampliación do Servizo de Extinción de Incendios, punto aprobado co apoio do BNG por estar contrastadas e postas en común estas contribucións cos traballadores.
O que lle preocupa á xente é o desemprego, a vivenda, o medre da pobreza, a falta de futuro da mocidade, a corrupción, a estafa bancaria... mais non o terrorismo, que, neste momento, en Galiza non existe
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG, que votou en contra da moción do Partido Popular sobre Resistencia Galega, puxo de manifesto que é máis que coñecida a posición contraria do BNG, como organización democrática e pacifista, a calquera tipo de acto ou estratexia política de carácter violento. A concelleira Ermitas Valencia apuntou que "o BNG sempre condenou, e continuará a condenar, o uso da violencia para conseguir calquera tipo de aspiración política e social". Porén, advertiu de que "hoxe na Galiza non existe terrorismo, nin a sociedade galega manifesta ningún tipo de percepción nin preocupación nese sentido". O que lle preocupa á xente, sinalou, é o desemprego, a vivenda, o medre da pobreza, a falta de perspectivas vitais da mocidade, a corrupción, a estafa bancaria... mais non o terrorismo.
A concelleira do BNG puxo de manifesto que non ten sentido pedir que se condene o que non existe. Por iso, cualificou de "esperpéntica" a referencia que se fai na moción do Partido Popular a unhas vítimas inexistentes, "na procura de causar unha alarma social que desvíe a atención da cidadanía dos problemas reais da sociedade". Así, denunciou que "esta moción responde unicamente a unha estratexia evidente do Partido Popular para desviar a atención tanto dos casos de corrupción en que está inmerso como dos problemas reais que ten o país".
Aludiu Ermitas Valencia ás palabras de Rajoy "no se habla de lo importante y sí de lo que no es mejor", momento en que Xosé Manuel Carril, María Xosé Bravo e Avia Veira despregaron uns cartaces coas impresións dos papeis de Bárcenas. "Nestes papeis, que recollen a contabilidade B do PP, a palabra Galicia aparece máis de media ducia de veces, relacionada con cuantiosos ingresos para o Partido Popular", sinalou. "Tamén aparecen nomes destacados como o do presidente do Goberno", engadiu. Foi entón cando a concelleira do BNG emprazou o PP a presentar unha moción a favor do Sr. Rajoy ou de Bárcenas. "Por que esta documentación, que si lle preocupa á cidadanía, non a traen a Pleno?", concluíu.