A instancias d@s hostaleir@s, o BNG presenta unha moción para permitir a música ambiental nos bares
A Coruña, 9 de xullo de 2013.- Sobre a hostalaría da Coruña segue a pender a espada de Damocles que provoca sancións aleatorias entre un grupo de locais en base á ordenanza municipal que prohibe a música ambiental nos estabelecementos do grupo 1 (bares, tabernas, café-bares, cafetarías, bodegóns, mesóns, parrilladas, xamonarías e restaurantes). Por iso, o Grupo Municipal do BNG levará ao Pleno deste xoves unha moción cunha proposta concreta de modificación desta normativa co fin de que o Goberno do Sr. Negreira permita, por fin, a música ambiental neste tipo de locais, sempre dentro dos límites de ruído e de horarios, tal e como acontece no resto de Galiza e tal e como recollera o BNG no programa co que concorreu ás eleccións municipais.
En rolda de prensa, esta mañá, despois de manter unha reunión con hostaleiras da cidade afectadas pola lotaría das multas, a concelleira nacionalista Avia Veira explicou que o artigo 49 da ordenanza medio ambiental reguladora de emisión e recepción de ruídos e vibracións estabelece, como regra xeral, que no interior dos locais onde se desenvolven as actividades do citado grupo 1, que teñen como finalidade fundamental a reunión de persoas para charlar, tomar unha consumición ou comer, non se permitirá a instalación de aparatos de música nin vídeos musicais. Ademais, este artigo da normativa advirte de que queda prohibida a instalación e o uso de aparatos de reprodución de música no exterior dos estabelecementos suxeitos a esta ordenanza.
A ordenanza da Coruña, unha excepcionalidade, xa que no resto de Concellos de Galiza non se prohibe a música ambiental
Este artigo impide que os bares e cafés do Concello da Coruña poidan exercer unha actividade necesaria e propia deles como é a oferta de música ambiental, dentro das marxes de ruído que a propia ordenanza estabelece, denunciou. Esta normativa arbitraria representa unha excepcionalidade, porque no resto de concellos de Galiza non está prohibida a música ambiental, salientou.
Avia Veira criticou que o Goberno municipal envíe a policía a sancionar estes locais con multas de até 10.000 euros e mesmo co peche e urxiu a modificar, de inmediato, a normativa, tanto para protexer as hostaleiras como as veciñas da cidade.
Lembrou a nacionalista que, en febreiro deste ano, formulou unha pregunta oral para coñecer se o Goberno do Sr. Negreira ía modificar a ordenanza para permitir a música ambiental, tal e como recollía o Partido Popular no seu programa electoral. En resposta á pregunta de Avia Veira, o Goberno municipal sinalou que estaba a traballar na modificación da ordenanza para igualala á normativa do resto das cidades. Pedímoslle ao Goberno do Sr. Negreira que responda á reivindicación social e do sector e apoie a moción presentada polo BNG a instancias dun grupo de hostaleiras, concluíu.
Precisamente, este grupo de persoas está a recoller sinaturas entre os locais hostaleiros da cidade para que o Goberno municipal atenda o clamor do sector e modifique, dunha vez, a normativa. Polo de agora, adheríronse á proposta máis de medio cento de bares.
É como se houber unha normativa municipal que obrigase os taxis a ter rodas cadradas
Pola súa banda, o hostaleiro Carlos Parga cualificou de inconcebíbel que un local de hostalaría non poida ofrecerlle á clientela unha mínima música ambiental na Coruña. É tan evidente e real o uso da música nos bares que retamos a calquera persoa a que vaia a un destes locais onde non suceda, sinalou. Denunciou que a normativa municipal deixa fóra da lei a música ambiental, malia reproducirse en todos os bares da cidade co fin de que a clientela se atopara máis cómoda nos locais. É como se houber unha normativa municipal que obrigase os taxis a ter as rodas cadradas, ilustrou.
Ao poñer unha actividade absolutamente normal e inocua, o Goberno municipal dispón dunha arma de arbitrariedade a través da que, se alguén ten algo contra un determinado local ou ben se hai problemas doutro tipo, envía a policía tomando como desculpa a música ambiental, advertiu. Así, reivindicou, como o resto das persoas presentes na reunión, unha normativa clara que evite molestias á veciñanza e que nos permita traballar con normalidade.