PP: medidas cara a galería para esconder a súa verdadeira intención con PeMES e o emprendemento
Non se entende que o concello da Coruña achegue 70.000 euros a INCORUÑA e os prezos das actividades destes encontros formativos oscilen entre 40 e 250 euros.
Se se pretende apoiar ás persoas que inician un negocio, parece que non axuda nada a suba das cotizacións, que recentemente aprobou o Goberno español e que o Goberno do Sr. Negreira apoiou votando en contra dunha moción do BNG que chamaba á Corporación a posicionarse en contra da medida.
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego sinala que non se entende que o Concello da Coruña achegue 70.000 euros para fomentar a cultura emprededora a través do evento Incoruña e os prezos das actividades destes encontros formativos oscilen entre os 40 e os 250 euros.
Esta iniciativa de encontro de emprendemento é apoiada por parte do Concello a través dun convenio coa Asociación Comercial de Emprendedores de Galiza (ASCEGA) coa cantidade de 70.000 euros segundo o anexo de transferencias do orzamento municipal de 2014. O convenio ten como finalidade fomentar a cultura emprendedora a través do apoio ao evento Coruña Incoruña.
O BNG non entende que o Concello dea apoio público con 70.000 euros a un evento no que os prezos para asisitir ás súas disitintas actividades van desde os 180 euros, tarifa normal, a 90 euros, persoas desempregadas e estudantes, para asistir ao encontro de habilidades directivas e coaching; ou desde os 75 euros, tarifa normal, a 40 euros, persoas desempregadas e estudantes, para asistir ás actividades de comercio electrónico e marketing on line; e 85 euros por asistir ao congreso de formación de oferta e demanda e 250 euros por cada curso sobre modelos de formación. E é que con estas tarifas non se sabe como apoia o Concello a todas aquelas persoas que se inician nun negocio na cidade ou teñen a previsión de comezar nesta andaina.
Mentres a Concellaría de Emprego financia este tipo de eventos, maiores son as dificultades da persoas que queren emprender un negocio. Así, o BNG afirma que se o que se pretende é apoiar ás persoas que emprenden, aos autónomos e as pequenas empresas parece que o que non axuda nada é subir as cotizacións como recentemente fixo o Goberno español e que contou co apoio do Goberno do Sr. Negreira, pois o Partido Popular votou en contra da moción que presentou o BNG no pleno do pasado mes de febreiro e que pretendía que a Corporación tomara posición en contra da suba nas cotizacións ás persoas autónomas e pequenos empresarios.